Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu repartiu esta semana máis composteiros individuais entre a veciñanza

  • Catorce veciños e veciñas reciben os composteiros solicitados da man da xerente e da mestra composteira da Mancomunidade
  • O goberno local apostou no 2016 pola compostaxe e xa conta con tres centros comunitarios de tratamento e xa son máis de trescentas as vivendas que dispoñen de composteiros individuais

O Concello de Bueu repartiu este mércores un total de catorce composteiros individuais (COIN) entre a veciñanza da vila que os solicitara. Alba Álvarez, xerente da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, e Paula Casal, mestra composteira do ente supramunicipal, foron as encargadas de facer o reparto no exterior do Centro Social do Mar, onde tamén explicaron o funcionamento destes recipientes de reciclaxe. Dende a concellaría de medio ambiente, que dirixe o nacionalista Xosé Leal, lémbrase á cidadanía interesada que se poderán solicitar composteiros de balde, a través dun formulario web dende a web municipal ou enviando un correo electrónico a compostaxe@concellodebueu.gal.

Os composteiros entregados hoxe foron adquiridos con cargo á subvención concedida mediante a «Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU». Concretamente, adquiríronse 410 composteiros individuais para a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, dos que 120 son para Bueu.

Entre os obxectivos que se pretenden acadar están: tratar por compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas, reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.

Non é a primeira vez que o Concello de Bueu reparte estes contedores entre a cidadanía. A partir do ano 2016 comezouse cunha política exhaustiva para dotar ao maior número posible de vivendas destes e, segundo os datos do departamento, xa son preto de catrocentos os COIN entregados.

Así mesmo, o goberno local apostou pola instalación de tres centros de compostaxe comunitaria a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados na zona das Lagoas, na rúa Xosé María Estévez, e no centro de Beluso, que contan cunha gran aceptación social por parte das persoas usuarias.