O Concello de Bueu renovará o material do Skate Park das Lagoas
Esta medida adóptase tras ter constancia do mal estado no que se atopa esta instalación deportiva
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, anuncia que se vai levar a cabo unha renovación integral do material do skate park, que quedará instalado para finais da próxima semana. Tras uns meses de estudo por parte dos técnicos, finalmente as pranchas dos módulos que se van substituír serán de aceiro galvanizado, co obxecto de que se palíen as continuas roturas deste espazo.
Ao longo dos últimos anos, en diversas ocasións xa se mantiveron conversas con usuarios/as para artellar unha solución, como o cambio de material das diversas pranchas cada pouco tempo (a última é de principios do pasado ano) e tamén se levou a cabo fai dous anos a renovación da mini pista, que foi recuberta en fibra de vidro, actuación na que o Concello investiu un total de 9000 euros.
Creación e renovación de parques
Así mesmo, o rexedor anuncia que xa están listos os pregos administrativos que rexerán a licitación de creación e renovación de novos parques, cun importe de 237.846,77 €, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. A previsión é que na próxima Xunta de Goberno (que se celebrará o 19 de febreiro) se aprobe o expediente de contratación, para así antes de finais da primavera ter parte do proxecto rematado, e listo para o seu goce por parte das persoas, sobre todos dos máis cativos e cativas. Esta iniciativa forma parte do plan de mellora sobre diversos parques da vila, no que se destacan actuacións de renovación dos espazos existentes e a creación de novas áreas de lecer. Así pois, os parques infantís da Praza do Concello, o dos Xardíns de María Eugenia e o do Outeiro vanse renovar integramente, instalando neles xogos novos. Así mesmo, vanse crear novos parques na Casa da Aldea de Meiro, na antiga escola unitaria de Cabalo e na de Sanamedio.
O proxecto contempla tamén a creación de parques biosaudables en Ramal dos Galos, no Paseo de Pescadoira e no Paseo de Agrelo – Portomaior. Ademais, o skate park de As Lagoas será implementado con novos módulos, tal e como acordara o alcalde cun grupo de rapaces e rapazas usuarios nunha reunión este verán.
O Concello aposta pola innovación e valorará a innovación en canto ao deseño e á novidade nos xogos. Esta medida tómase debido ao desgaste das instalacións e á importancia que teñen estes espazos como dinamizadores da aprendizaxe dos máis pequenos/as, ademais de cómo elementos de socialización.