Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu continúa coa ampliación da rede de saneamento na Costiña e Sabarigo

Estas actuacións súmanse ás realizadas nos últimos meses en relación coa ampliación da rede de saneamento e abastecemento no rural

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou esta mañá as obras de instalación de dous tramos de redes de saneamento na parroquia de Cela, concretamente nos lugares da Costiña e Sabarigo, onde suman arredor de 100 metros de tubaxe. Esta actuación, realizada con recursos municipais, forma parte da aposta do goberno local pola mellora continua do rural. “O que estamos facendo é completando os servizos municipais básicos, sobre todo no rural, onde aínda quedan tramos con dificultades por resolver”, salientou Juncal.

Esta obra súmase ás xa realizadas nos últimos meses noutras áreas do municipio. En Laxes, Beluso, ampliouse a rede de saneamento e abastecemento nunha franxa de 220 metros. Así mesmo aconteceu nas zonas de Castrelo e Beloso, en Cela, onde se ampliou a rede de saneamento.
De cara a este ano, desde o executivo local, ademais doutros proxectos, xa se está estudando a posibilidade de instalación dunha rede de saneamento na zona de Xoalde, en Cela, onde é posible que se necesite aplicar un bombeo dada a gravidade do terreo.