Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu renova o protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero

  • Este documento asinouse na Xunta Local de Seguridade celebrada este martes, na que tamén se abordou a situación para a dotación dun posto permanente da Garda Civil na vila

O Concello de Bueu renova o procedemento operativo de coordinación e colaboración coa Garda Civil para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero. A sinatura deste convenio foi acometida este martes, 28 de setembro, no marco da celebración da Xunta Local de Seguridade que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Bueu, e na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Maica Larriba, Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, amais de representantes da Policía Local e da Garda Civil.  

Este documento foi asinado por primeira vez no 2010 por parte do Concello e do Ministerio do Interior, e é preciso que se actualice agora, para o que a celebración desta Xunta era un requisito imprescindible. Así, tanto a Policía Local como a Garda Civil manifestaron de novo o compromiso para a loita contra as violencias machistas, e este documento publicarase tamén no Boletín Oficial do Estado.

Por outra banda, nesta xuntanza o alcalde volveu reivindicar a necesidade que ten o municipio de contar cun posto permanente da Garda Civil, na que tamén coincidiu a Subdelegada do Goberno. Tal e como xa se manifestara a comezos deste ano, este posto podería emprazarse nas dependencias da Casa do Mar, pertencentes ao antigo ISM e para o que tanto o alcalde como a Garda Civil e a Subdelegada están realizando as xestións pertinentes diante da Xunta de Galicia, que sería a titular deste espazo céntrico e moi próximo á Policía Local. Con respecto a isto, Juncal salientou que “este posto é imprescindible para que poidamos afrontar os próximos anos con máis tranquilidade, sobre todo ante o incremento de visitantes e eventos durante o verán”. Así, a presenza da Garda Civil facilitaría que a cidadanía puidese realizar denuncias e xestións na vila bueuesa, sen ter que desprazarse a Marín como acontece na actualidade, e que tamén redundaría nunha maior protección da seguridade cidadá, que é competencia deste corpo estatal.

Xunta Local de Seguridade