O Concello de Bueu renova o abastecemento da auga na Avda de Marín e no Enleito
O Concello de Bueu e a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga municipal, FCC Aqualia, comezaron as obras de renovación do sistema de abastecemento de auga nun tramo da Avda de Marín e noutro que vai d’ A Ramorta ao Enleito. Precisamente, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou esta martes as obras na Avda de Marín, xunto ao responsable de FCC Aqualia, onde por agora se abriron 35 metros e que, tras a interrupción desta semana por mor das condicións climatolóxicas, continuarán o luns coa substitución de 200 metros lineais que permitirán solucionar as continuas avarías que se teñen producido nunha zona con moitas tubaxes antigas.
As obras do Enleito e A Ramorta tamén continúan estes días e ao remate aproveitarase para pavimentar o camiño.
Segundo salientou o alcalde, estas actuacións forman parte dunha mellora continua das instalacións municipais, tanto do rural como urbanas e por iso, “a idea é continuar cara ao Valado”. Así mesmo, nunha segunda fase levarase a cabo a mellora do sistema de abastecemento na Avda de Montero Ríos e nas Meáns, onde se emprazará un tramo de tubaxe de ferro por outra de polietileno.
Por último, na visita ás obras, o rexedor puido coñecer que actualmente a empresa concesionaria do servizo de auga está levando a cabo, no marco do plan de loita contra a seca, unha detección de fugas na rede de abastecemento. Por agora levan percorridos uns seis quilómetros nos que se detectaron tres fugas ocultas, xa solucionadas.