Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu renova as farolas e luminarias nas zonas de Vilar e Bon

  • Con esta actuación, as arcas municipais aforrarán ao ano aproximadamente 4500 euros, e reforzarase o servizo á cidadanía

O Concello de Bueu vén de acometer unha actuación de renovación de dous tramos de alumeado na parroquia de Beluso. Concretamente substituíronse dezasete farolas no lugar de Bon e outras oito en Vilar, que agora contan con tecnoloxía LED, o que permitirá mellorar este servizo público ao tempo que se logra unha maior eficiencia enerxética.

Os traballos que se levaron a cabo consistiron na renovación de farolas modelo villa e con potencias de entre 150 e 200 vatios e vapor de sodio, por outras de sistema led e dun consumo de 42 vatios. O obxectivo consistiu na substitución dun material antigo e deteriorado que ocasionaba diversos problemas de avarías, así como un excesivo consumo enerxético e un custe económico innecesario que había que corrixir.

Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de obras e servizos, salienta que “estas obras son especialmente necesarias na actualidade, porque o custe da enerxía sube cada día”. O Concello continúa, pois, coa política dos últimos anos, que consiste en substituír as luminarias por sistemas de LED, que permiten un aforro enerxético e avanzar no cumprimento das medidas contempladas no Pacto das Alcaldías Polo Clima e a Enerxía (PACE) ou a Axenda 2030. Neste caso concreto, ata o de agora había un consumo de 5 quilo vatios por hora, que cos custes actuais suporían un custe anual de 6000 euros aproximadamente, mentres que con esta actuación o consumo situarase en algo máis de 1 quilo vatio por hora, e un total de 1500 euros anuais, supoñendo un aforro económico de arredor de 4500 euros.

Así mesmo, a substitución de luminarias continuará nos próximos meses. De cara a finais de outono, o alcalde confía en que se poida levar a cabo a execución do programa IDAE II coa Deputación de Pontevedra, que permitirá a renovación de máis luminarias en varias zonas da vila, concretamente de Pazos Fontenla, Montemogos, Pousada e Banda do Río.