O Concello de Bueu rematará nas vindeiras semanas de instalar os parques infantís
O Concello de Bueu segue puxando por infraestruturas que teñen como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas. Por iso se están renovando e creando novos parques infantís e biosaudables en diversas zonas no marco dun proxecto financiado con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, e que ten por obxectivo a adaptación dos espazos urbanos e rurais para o seu goce por parte do conxunto da cidadanía.
Así, a veciñanza xa pode gozar dos parques infantís da Antiga Escola Unitaria de Cabalo e na de Sanamedio, así como nos Xardíns de María Eugenia e na Praza do Concello, e nas vindeiras semanas rematarase o da Casa da Aldea de Meiro e o do Parque de Xexide, no Outeiro, que o alcalde da vila, Félix Juncal, visitou este venres. A este proxecto súmanse as diversas áreas de biosaudables que se instalaron no Parque Ramal dos Galos, en Pescadoira e no Paseo de Agrelo- Portomaior.
Ademais, outro dos espazos máis utilizados entre a poboación máis nova, como é o skate park sito nas Lagoas completouse coa instalación dun novo módulo.
O proxecto dos parques tiña un prezo total de licitación de 237.846,77€ , IVE incluído, aínda que se dividiu en tres lotes, correspondentes aos parques infantís, zonas biosaudables e skate park. No primeiro caso, adxudicouse a Bricantel SL por un importe de 144.895,48.-€. A mesma empresa resultou adxudicataria tamén do segundo, cun importe de 15.530,41.-€, e do terceiro, Zona de Obra O Rosal SLU, de 6.353,76.-€.
Comezo de obras
Por outra banda, o alcalde avanzou que na vindeira semana comezarán as obras de pavimentación do vial de baixada á praia de Area de Bon, a do Camiño da Cereixeira, en Trasouto, e a construción dun módulo de vestiarios masculinos na nave de deportes náuticos de Pescadoira. Estas actuacións acometeranse con cargo a remanentes do Plan Concellos 2016.
O camiño da Cereixeira, cuxo proxecto consta dun orzamento de 17.091,93 €, está situado no lugar de Graña e dado o seu mal estado procederase a unha actuación de pavimentación. Así mesmo, no vial de baixada á praia de Area de Bon, moi utilizado pola cidadanía sobre todo na época estival, tamén se vai acometer o seu arranxo. Esta actuación está valorada en 47.132,88 €, e o seu prazo de execución será dun mes. Tal e como apunta o rexedor, aproveitando a obra vaise pavimentar outro tramo sito en Bon de Abaixo, que se atopa xunto ao lavadoiro de Tomadelo.
Por último, na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira está programada a construción dun módulo de vestiarios para homes, que completará o xa existente de mulleres, e que incorporará duchas e aseos.
Tal e como consta no proxecto da obra, valorada en 46,270,17 €, a nave está dividida en dous: a parte situada ao Este está dedicada á restauración e construción de embarcacións tradicionais, e a Oeste ao deporte de remo nas súas diversas variedades, fundamentalmente remo en equipo. Na zona de vestiarios desta última zona construíuse un módulo de baños para mulleres fai un ano.