O Concello de Bueu remata co formigonado do Camiño do Foxo, en Meiro
- O alcalde visitou esta mañá as obras que supoñen o arranxo dun vial de 100 metros de lonxitude
- A brigada de xardinería comezou co cultivo de plantas temporeiras na Praza Massó
A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu culminou este martes as obras de formigonado dun camiño na zona do Foxo, no lugar de Meiro, que se atopaba en pésimas condicións e do que a veciñanza reclamaba o seu arranxo. Precisamente este martes, Félix Juncal, alcalde da vila e encargado da área de obras, visitou a actuación que permite a mellora dun tramo de aproximadamente 100 metros.
Esta obra forma parte do plan de mellora das infraestruturas do rural, como é o caso da ampliación do abastecemento e saneamento de auga, o arranxo de vías de comunicación ou o acondicionamento de fontes e lavadoiros. Estas actuacións estanse levando a cabo con máis intensidade nos últimos meses grazas ao reforzo do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra.
Por outra banda, e continuando coa liña de mellora e renovación dos xardíns municipais, a brigada de xardinería comezou coa plantación de flores de tempada nas xardineiras da Praza do Concello. Segundo salienta o alcalde, “estas plantas permiten dotar a este espazo público de elementos decorativos”. Nos próximos días continuarase coa plantación noutras zonas do municipio, como os Xardíns de María Eugenia, e as rúas de Matilde Bares, Johán Carballeira, Castelao, Canibelos, Alexandre Bóveda, A Pedra e Montero Ríos.