O Concello de Bueu reivindica o Día Nacional da Artrite
O Concello de Bueu colabora un ano máis coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO), e por iso este xoves, 1 de outubro, se iluminou a fonte cibernética da Praza Massó de cor verde, coincidindo co Día Nacional da Artrite.
O acto de encendido simbólico tivo lugar ás 20.30 h e nel participaron concelleiros e concelleiras da corporación, así como membros da asociación pontevedresa.
Esta campaña organízase co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite. A iluminación de cor verde é, pois, unha homenaxe para as persoas que padecen estas enfermidades, e ten como finalidade darlles máis visibilidade xa que seguen sendo patoloxías descoñecidas pola maior parte da cidadanía.