Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu reivindica o Día da Atención Temperá na infancia

  • Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, participou este venres na xornada de portas abertas no servizo
  • O municipio bueués ten en marcha dende hai máis de dous anos o Servizo de Atención Temperá, no que se atende actualmente a 45 familias

Con motivo do Día da Atención Temperá, que se celebra este 16 de xuño, o Concello de Bueu, reivindica o Servizo de Atención Temperá (SAT), e no que se promove a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo.

Este venres tivo lugar unha xornada de portas abertas no servizo, na que participou Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, e tamén algunhas familias que se achegaron a coñecer o seu funcionamento.

Nesta data, o Concello de Bueu tamén se suma ao manifesto polo Día da Atención Temperá elaborado pola Federación Española de Asociacións de Profesionais de Atención Temperá, no cal se reivindica  que “coidar o desenvolvemento infantil é unha aposta segura por un futuro mellor”. No texto alúdese a que aínda resta moito por facer pois “aínda que en 2023, no conxunto de España xa recibiron Atención Temperá case 130.000 nenos e nenas, aínda non alcanzamos o 10% da poboación de 0 a 6 anos que precisa ser atendida” e precísase “un mellor financiamento, planificación e dimensionamento, para facilitar un acceso equitativo e inmediato aos servizos, sen demoras nin listas de espera”.

O municipio bueués ten en marcha dende hai máis de dous anos o Servizo de Atención Temperá, que está subvencionado na súa totalidade por Fondos Europeos e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude, e no que se se atende a actualmente a 45 familias, e polo que xa pasaron nestes dous anos máis de 100 nenos e nenas.

Este servizo conta cun protocolo específico no proceso de detección e derivación de situacións susceptibles de necesitar atención temperá. Nese proceso é vital a figura das e dos profesionais da pediatría de atención primaria de saúde, de xeito que son estes ou estas profesionais os que farán a valoración inicial do desenvolvemento do neno ou nena e, a partir do seu diagnóstico, determinan a idoneidade da unidade de atención temperá para facer a atención especializada, segundo as necesidades observadas. Este tipo de servizo demanda a colaboración de profesionais especializados en diferentes campos para detectar as causas que interfiren no desenvolvemento do neno ou nena e actuar para o seu progreso. Para iso cóntase con persoal variado, como un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil. As dependencias do SAT de Bueu están situadas na rúa Montero Ríos 99, concretamente no local 11-12, e as persoas que necesiten informarse sobre o servizo poderán contactar no teléfono 628867812 ou no enderezo electrónico sat.bueu@coescoformacion.com. O horario de atención o público é de luns a xoves entre as 8:00 a 18:30 horas, e os venres de 8.00 a 14 horas.