O Concello de Bueu abre o prazo de licitación do servizo de socorrismo
- As empresas dispoñen ata o 24 de xuño para presentar as ofertas económicas, e o orzamento base ascende a 114.486,75 €
- O servizo terá que prestarse entre o 5 de xullo e o 8 de setembro nas praias de Bandeira Azul da vila morracense
O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación do servizo de prevención, vixilancia, salvamento, socorrismo e primeiros auxilios nas praias para a tempada estival. As empresas interesadas disporán ata o 24 de xuño ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas económicas, sobre un orzamento base de 114.486,75 euros, IVE engadido.
O contrato servirá para cubrir a prestación do servizo nas praias de Bandeira Azul da vila morracense, é dicir, Area de Bon, Lagos, Banda do Río, Portomaior e Lapamán, dende o 5 de xullo ao 8 de setembro. Para iso, a empresa que resulte finalmente seleccionada terá que contar con 15 socorristas a xornada completa de luns a domingo e un coordinador ou responsable do servizo tamén a xornada completa durante toda a semana.
Unha vez que finalice o prazo de presentación das ofertas, está prevista a mesa de contratación para o 25 de xuño, cando se abrirán os sobres coas ofertas económicas.
Toda a información atópase na Plataforma de Licitación do Sector Público, con ligazón dende a web municipal.