Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu reivindica a loita contra as violencias machistas na programación polo 25 de Novembro

  • Está programada unha concentración silenciosa o 25 de novembro ás 12.00 h, así como proxeccións de filmes que alertan desta problemática
  • O 2 de decembro presentarase a ‘Guía básica de corresponsabilidade e novas masculinidades’ que foi elaborada polo Concello e que propón outras formas de entender a masculinidade

O Concello de Bueu reivindicará un ano máis a loita contra as violencias machistas e a eliminación das desigualdades entre homes e mulleres a través dunha serie de actividades que se programan con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas. Cinema, presentación dunha guía de novas masculinidades, obradoiros para a rapazada e difusión de vídeos con temática de igualdade, conforman a programación deste ano.

Segundo apunta Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, “dende o Concello de Bueu seguimos incidindo nas actividades para os máis pequenos e pequenas porque é importante traballar a concienciación”. Esta liña de acción manifestarase a través de obradoiros de varias temáticas de igualdade que se impartirán ao longo destes meses nos centros educativos da vila, e tamén nas“cápsulas da igualdade”, unha serie de audiovisuais de curta duración elaborados cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e que se difundirán na canle oficial de Youtube. Nelas abordaranse, co testemuño de diversos profesionais, a atención e protección de vítimas de violencia de xénero, o ordenamento xurídico ante esta problemática, un decálogo sobre videoxogos non sexistas, e algunhas pautas para a correcta utilización das redes sociais.

A programación iniciarase o mércores 24 de novembro, cando se proxectará Yo, Tonya, do cineasta Craig Gillespie, unha biopic sobre a patinadora Tonya Harding na que se abordan cuestións como o abuso e a culpabilidade que recae nas mulleres diante dunha  sociedade patriarcal. O filme proxectarase no Centro Social do Mar ás 20.00 h coa colaboración do Cineclub Bueu e a entrada será de balde.

Ao día seguinte, 25 de novembro, está prevista ás 12.00 horas unha concentración silenciosa na Praza do Concello, na que se dará lectura ao manifesto en repulsa aos asasinatos machistas. Ese mesmo día, o Centro Social do Mar acollerá a proxección do documental Agullas. Historias de supervivencia persoal, elaborado polo Concello de Bueu hai dous anos con fondos do Pacto de Estado. Cunha duración de 70 minutos, este audiovisual recolle os testemuños de tres mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de seis expertas. Entre elas, están Paz Filgueira, maxistrada e que fora durante 7 anos titular do Xulgado de Violencia Contra as Mulleres de Vigo; Manuel Lopo, psicólogo e terapeuta familiar, Pilar Fernández Pérez, fiscal do TSX de Galicia adscrita permanentemente en Santiago de Compostela; Roanana Izquierdo, quen pertence ao grupo de traballo sobre violencia de xénero do SERGAS; Juan Iglesias, sarxento da Garda Civil de Marín, e Jorge Marín, profesor de socioloxía e do Máster de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela.

E o 2 de decembro, ás 19.00 h, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá a presentación da “Guía básica de corresponsabilidade e novas masculinidades”, un libro que se editou dende o Concello e no que se recollen os testemuños de José Castro, Luis Davila, Arturo Sánchez e Antón Guitián, e Félix Juncal, alcalde de Bueu. Todos estes homes bueueses apelan a un concepto de masculinidade afastado da hexemónica, e que permita a convivencia en igualdade coas mulleres. Tal e como apunta o rexedor, “un dos principais problemas do feminismo, moi especialmente dos homes feministas, é a necesidade de ofrecer referentes masculinos que se afasten da masculinidade clásica ou hexemónica” e “só se poñemos as lentes violetas descubriremos ao machista que todos levamos dentro e que precisamos abandonar”.