O Concello de Bueu reforza o servizo de limpeza de espazos públicos
O Concello de Bueu puxo en marcha hai unha semana un plan de reforzo de limpeza dos espazos públicos, que inclúe medios manuais e con maquinaria. Félix Juncal, alcalde de Bueu e edil de obras e servizos, apunta que “ante a escaseza de persoal municipal, decidimos reforzar o servizo de limpeza, que se completan con baldeos polas diversas zonas”. Polo momento, este novo persoal xa estivo polas rúas de Ramón Bares, Montero Ríos, Pazos Fontenla, e tamén pola zona de Beluso, concretamente entre Chan de Piñeiro, Rúa Nova e Montemogos nos tramos urbanizados que contan con beirarrúas ou prazas.
A idea do goberno local é que a esta limpeza e baldeo se incorporen nas próximas semanas novos medios mecanizados para o decapado de beirarrúas, prazas e espazos públicos que o requiran. Así mesmo, o Concello espera contar entre finais de marzo e abril persoal do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra, co que se incrementarán as brigadas e se continuará intensificando a limpeza.