O Concello de Bueu recibirá mañá ao cineasta saharauí Lafdal Mohamed Salem e o Cineclub organiza unha proxección solidaria
- O Centro Social do Mar acollerá a partir das 21:00 horas a proxección de tres curtametraxes e o coloquio co director Lafdal Mohamed Salem
- O alcalde Félix Juncal ofrecerá ás 13.30 horas un recibimento institucional ao convidado como mostra de apoio á independencia do Sáhara Occidental
O Cineclub Bueu organiza mañá venres unha sesión solidaria coa Escola de Formación Audiovisual ‘Abidin Kaid Saleh’, situada nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís de Tinduf (Alxeria). A partir das 21 horas, o Centro Social do Mar acollerá a proxección das curtametraxes ‘El precio de la belleza’, ‘Toufa’ e ‘En busca de Tirfas’, contando coa presenza do director desta última, Lafdal Mohamed Salem, para o coloquio posterior. Previamente, ás 13:30 horas, o convidado será recibido no Concello de Bueu polo alcalde, Félix Juncal, e edís do goberno local como mostra de apoio á causa saharauí.
A actividade da tarde conta coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia e da Fundación NomadsHRC. A entrada terá un custe de 5 euros que se destinarán integramente a financiar as actividades formativas da Escola de Cinema Saharauí, que membros do Cineclub Bueu tiveron a oportunidade de visitar o pasado ano na Wilaya de Bojador. O centro traballa coa filosofía de empoderar a mozas e mozos refuxiados de forma que poidan expresarse a través da cámara, sensibilizar sobre os temas que lles preocupan e mellorar a vida das súas comunidades.
Así o explicará Lafdal, que naceu e medrou nos campamentos, onde viven máis de 170.000 persoas. En 2017 graduouse na EFA e entrou a formar parte do equipo da escola. En 2022 diplomouse en Produción polo Instituto de Cine de Madrid, onde estudou durante dous anos cunha bolsa. Dirixiu ‘Daniela, el valor de la perseverancia’ e colaborou en varias coproducións, entre as que destaca o documental ‘Hamada’, do galego Eloy Domínguez Serén. Coa súa segunda curta como director, ‘En busca de Tirfas’, acadou o Premio do Público no Festival Internacional de Escuelas de Cine de Uruguay e un 2º premio ex aequo no FiSahara 2021.
Sinopse das curtas
‘En busca de Tirfas’ (Lafdal Mohamed Salem, 2020) retrata a cotiandade da mocidade nos campamentos de poboación refuxiada saharauí e a procura de oportunidades de traballo, sobre todo a tendencia da busca de diñeiro a través de proxectos laborais que non están ben planificados nin estudados.
‘El precio de la belleza’ (Ahmed Mohamed Lamin, 2020) denuncia os canons de beleza aos que están sometidas as mulleres saharauís, que utilizan produtos branqueadores para aclarar a súa pel, ignorando os riscos que poden chegar a sufrir.
‘Toufa’ (Brahim Chagaf, 2020) recrea os inicios da chegada da poboación saharauí ao árido deserto da hamada. A curta narra o sufrimento de tres xeracións de mulleres saharauís, que co seu esforzo e sacrificio curaron as feridas da guerra á súa chegada ao territorio inhóspito desta parte do sur de Alxeria.
Contexto histórico
O que tras a Marcha Verde de 1975 se esperaba que fose unha situación de refuxio temporal nos campamentos de Alxeria, prolóngase até a actualidade sen que a ONU conseguise celebrar o referendo de autodeterminación acordado con Marrocos no Plan de Arranxo de 1991. De feito, a Fronte Polisario decidiu retomar a loita armada en novembro de 2020, tras acusar a Rabat de ocupar novas zonas nos territorios liberados.
Cómpre lembrar que o Sahara Occidental, cos seu 266.000 km2, foi a provincia número 53 de España, ata que se produciu o que tanto a poboación como as autoridades saharauís consideran un abandono por parte do noso país tras a firma do Acordo Tripartito de Madrid, que deixaba a zona en mans de Marrocos e Mauritania, aínda que esta última se retiraría posteriormente. A situación agravouse co cambio de postura do Goberno español, que hai xusto un ano pasou a defender que a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), recoñecida por máis de 80 países, se converta nunha rexión autónoma dentro de Marrocos.
A día de hoxe, un muro de máis de 2.700 km construído polo reino alauita separa as zonas liberadas pola Fronte Polisario dos territorios ocupados polos marroquís, que constitúen o 80% da superficie e que albergan grande riqueza en recursos naturais. Neles, a situación dos dereitos humanos é nefasta, segundo denuncian entidades como Amnistía Internacional. Nunha terra onde o español é o segundo idioma, a ambos os dous lados da fronteira as e os saharauís ven limitado o seu futuro, sen posibilidade de impulsar o seu propio desenvolvemento, individual e colectivo, que só será viable se a comunidade internacional cumpre os seus compromisos.