O Concello de Bueu recibe preto de 80 traballos nos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo
Tras o peche do prazo para o envío a finais de xaneiro, o Concello de Bueu contabilizou un total de 78 participantes que concorren aos Premios Johan Carballeira. Concretamente, o departamento de cultura recibiu 55 poemarios e 23 traballos xornalísticos, que se presentaron tanto en papel como en dixital, e que se valorarán nas dúas convocatorias. Estas cifras demostran unha vez máis que este certame constitúe xa todo un referente a nivel galego, e que ano tras ano incrementa as súas cifras de participación.
Tal e como vén sendo habitual, o departamento de cultura que dirixe Carmen García conformará o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, co obxectivo de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, amais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.
Estes premios, que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Manuel López Rodríguez co poemario 831-Urb (que sairá do prelo este mes por parte da editorial Xerais e que se presentará na vila o vindeiro 19 de febreiro) e o xornalista Héctor Pena coa reportaxe “Historia inacabada do deporte galego” publicada no xornal Nós Diario.
O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Arancha Nogueira …
A continuación podedes ver a listaxe dos traballos presentados en ámbalas dúas categorías: