O Concello de Bueu recibe máis de cincuenta traballos no I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis
- O concurso pretende ser un escaparate para promover a creación artística entre os novos talentos, ademais de poñer en valor a figura do artista bueués José Benito Otero Baena
- As mellores propostas conformarán unha exposición na Sala Domínguez Búa no mes de xuño, e unha delas farase cun premio de 1500 euros
Despois de que finalizase o prazo, o Concello de Bueu recibiu cincuenta e dous traballos artísticos no I Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, de entre os cales o xurado decidirá as mellores propostas que conformarán unha exposición que estará aberta ao público durante todo o mes de xuño na Sala Amalia Domínguez Búa.
Unha vez revisada a documentación por parte do persoal do Concello de todas as obras inscritas, o xurado, conformado por representantes da Fundación Laxeiro, Museo Massó, Facultade de Belas Artes e artistas en xeral, será o encargado de facer unha preselección dun máximo de 25 obras, que son as que formarán parte da exposición na Sala Amalia Domínguez Búa. Ademais, o xurado seleccionará outras cinco obras de reserva, por se algunha das elixidas rexeitan participar na exposición. Unha vez seleccionadas as obras participantes, os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 20 de maio, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº8 Bueu.
A exposición poderase ver nas semanas previas ao 27 de xuño, data de nacemento do pintor e arredor da que tamén se organizará a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.
Este certame foi creado co obxectivo de fomentar a creación artística entre artistas noveis, e tamén como unha forma de dar a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena, máis coñecido como “Pepé”. O concurso busca potenciar a creación artística entre as persoas maiores de 18 anos cuxa obra debe ser inédita e orixinal. Félix Juncal, alcalde da vila, salientaba hai uns meses que “é un pracer para nós acompañar á familia nun proxecto tan fermoso, que naceu o pasado setembro durante o acto de colocación da placa na que fora a casa deste artista, e que formará parte do noso patrimonio inmaterial, sendo todo un acontecemento”. Este proxecto súmase a outros premios culturais da vila como o Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo.
José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.
A continuación indícanse os títulos das obras presentadas a concurso: