O Concello de Bueu recibe máis de 70 traballos nos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo
Tras o peche do prazo para o envío a finais de xaneiro, o Concello de Bueu contabilizou un total de 71 participantes que concorren aos Premios Johan Carballeira. Concretamente, o departamento de cultura recibiu 53 poemarios e 18 traballos xornalísticos, que se presentaron tanto en papel como en dixital, e que se valorarán nas dúas convocatorias. Estas cifras demostran unha vez máis que este certame constitúe xa todo un referente a nivel galego, e que ano a ano mantén ou mesmo incrementa as súas cifras de participación.
Tal e como vén sendo habitual, o departamento de cultura que dirixe o nacionalista Xosé Leal conformará o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, a fin de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, amais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.
Estes premios, que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Miguel Sande co poemario Brinde e desespero (que sairá do pleno nas próximas semanas da man da editorial Xerais) e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu na reportaxe “A saúde mental en Galicia, en bragas”, asinada pola escritora Antía Yáñez e que saíu na revista Luzes.
O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Arancha Nogueira …
A continuación poden verse as listaxes cos traballos que concorren en cada categoría: