O Concello de Bueu recibe aos integrantes do Servisub Area Bueu, campións da Xira Galega de Balonmán Praia 2022
- Félix Juncal destacou que “o balonmán praia é deporte, espectáculo, festa e diversión, e por iso nos enche de felicidade esta paixón compartida”
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores, 3 de agosto, o recibimento oficial ao Servisub Area Bueu, equipo local que vén de gañar a Xira Galega de Balonmán Praia 2022. Félix Juncal, alcalde de Bueu, fixo fincapé en que “o balonmán praia é deporte, espectáculo, festa e diversión, e por iso nos enche de felicidade esta paixón compartida”, ao tempo que salientou que “Bueu é un concello que cada día loce máis a nivel deportivo grazas a persoas coma vós”.
O Concello de Bueu entregou un diploma a cada un dos integrantes do equipo, conformado por Brais Lopez, Rubén Iglesias, Abel Diz, Diego Dios, Sergio Piñeiro, Manu Argibay, Andrés Bacelar, Roque Arias, Eloy Malvido, Martín Iglesias, Mateo Arias, David Iglesias, José López, José Rodríguez e David Juncal. Ademais, o equipo recibiu unha bandeira de Bueu, como xa vén sendo habitual nestes actos institucionais. No acto participaron ademais os concelleiros do goberno Xosé Leal, Silvia Carballo e Ricardo Verde, e a voceira do PP, Elena Estévez.