O Concello de Bueu recibe aos equipos sénior, infantil e cadete da CD Beluso polos ascensos nesta tempada de fútbol
O Concello de Bueu acolleu este venres, 14 de xuño, a máis de sesenta xogadores dos equipos sénior, infantil e cadete masculino da Cultural Deportiva Beluso (CD Beluso), que recibiron os parabéns do consistorio polos últimos éxitos deportivos acadados no fútbol.
O acto tivo lugar pola tardiña no salón de plenos do Concello, e nel estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, e outros concelleiros e concelleiras da corporación, quen lles entregaron aos mozos e equipos técnicos unhas medallas conmemorativas tanto aos séniors polo ascenso á preferente, como aos infantís e cadetes que ascenderon nas súas categorías.
O rexedor salientou o traballo do club porque “celebrar tres ascensos nunha tempada di moito do traballo feito”. Juncal dirixiuse aos deportistas que ateigaron o salón de plenos para salientar que “o deporte forma parte dunha das mellores experiencias vitais, e transmítenos moitos valores como compañeirismo, axuda, solidariedade e competitividade no bo sentido da palabra”.
Dende o consistorio organizáronse ao longo das últimas semanas varios recibimentos a deportistas da vila, uns actos que teñen como obxectivo visibilizar o talento nas diversas disciplinas.