Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu promove un proxecto de mellora integral da sinaléctica

  • Estes días comezouse coa instalación de noventa e un indicadores que cubrirán un total de trinta conxuntos
  • O alcalde e o concelleiro de patrimonio salientan que “tiñamos unha carencia grande dende hai varios anos na sinalización de lugares, e por iso apostamos por levar a cabo a substitución dalgúns sinais e a colocación doutros novos”

O Concello de Bueu impulsa un proxecto de mellora integral da sinaléctica, e estes días xa se comezou coa instalación de noventa e un indicadores en trinta conxuntos. “Tiñamos unha carencia grande na sinalización de lugares, e por iso apostamos por levar a cabo a substitución dalgúns sinais e a colocación doutros novos”, apuntan Félix Juncal, alcalde da vila, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, quen visitaron algúns destes espazos.

Dende hai moitos anos vénse detectando un deterioro na sinaléctica do Concello de Bueu, pois “atopamos inexistencia de sinais indicadores de lugares, de instalacións municipais ou mesmo de rutas de sendeirismo, entre outras”. Neste sentido, tanto a veciñanza como as persoas visitantes demandaban unha actuación integral de mellora desta sinaléctica, co fin de garantir o acceso de toda a cidadanía da forma máis doada a espazos moi transitados. Un dos requisitos que se seguiron no momento de preparar o proxecto foi precisamente a mellora da mobilidade, “pois o que facemos é desviar o tráfico pesado polas rúas mellor dotadas, co fin de perturbar o menos posible sobre todo nos meses de verán, e diversificando o tránsito”, destaca Moital.

Así, haberá novos sinais nos centros medioambientais da Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo (ambos co distintivo de Bandeira Azul da Adeac), os miradoiros de Cabo Udra, Chans e A Esculca de Ermelo, os museos Massó e Estaleiro da Banda do Río, as instalación municipais como a Biblioteca Municipal Torrente Ballester, a Casa do Pobo de Beluso, o Centro Sociocultural de Cela, a Casa Consistorial, o Centro Social do Mar, a Casa da Música Manuel Omil, a Policía Local, a Oficina de Turismo, centros deportivos como o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o Pavillón Municipal de Beluso, a nave de deportes náuticos de Pescadoira, a pista do Xistro, a piscina municipal, o campo de fútbol da Graña e o campo de fútbol de Laxes, as paradas de autobús, diverso patrimonio eclesiástico como a igrexa de San Martiño de Bueu, a de Santa María de Cela, a de Santa María de Beluso, a Ermida de San Mamede, a Capela de Santiago de Ermelo, e a Capela dos Santos Reis, e por último, o tanatorio municipal e os cemiterios de San Martiño de Bueu, o de Santa María de Cela, o de Santiago de Ermelo e o de Santa María de Beluso. Segundo apuntan dende o consistorio, “trátase dun proxecto ambicioso, que asumimos con fondos propios co fin de uniformar as indicacións en base a normativas vixentes, aínda que soamente haxa dous conxuntos, dun total de trinta e un, en estradas municipais, sendo o resto autonómicas e provinciais”.

Esta iniciativa, cun custe de aproximadamente 20.000 euros, lévase a cabo con fondos municipais, e súmase á que se fixera no 2015 de sinalización de varios lugares das tres parroquias.