O Concello de Bueu promove un Plan de Actuación Municipal para o Risco de Incendios Forestais
-
Os traballos, que teñen un orzamento de 15.000 euros, servirán para definir a superficie afectada e previr incendios forestais
O Concello de Bueu vén de encargar os traballos técnicos para elaborar un plan de actuación municipal para o risco de incendios forestais (PAM), por un importe de 15.000 € con cargo a fondos municipais. Segundo salientou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “este plan servirá como instrumento e guía á hora de afrontar o problema dos incendios, ao permitirnos saber que superficie temos afectada e en función diso tomar decisións”.
Os encargados de levar a cabo os traballos son Manuel Peixoto, enxeñeiro forestal, e Jaime Corral, director de seguridade, quen xa avanzaron esta mañá que a vila bueuesa conta cun total de 12.083 parcelas afectadas. Este PAM describirá, pois, as actuacións necesarias para evitar os incendios forestais e que, no caso de producírense, os danos sexan mínimos, tal e como se establece na Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia.
Segundo avanzaron na presentación deste xoves, o PAM consta de cinco apartados: no primeiro estudarase o municipio (relevo, pendente, vexetación, distribución da poboacións…) así como a definición das redes secundarias de xestión de biomasa; o segundo analiza o risco existente para cada unha das áreas afectadas e define elementos vulnerables (xeriátricos, colexios, parques industriais, infraestruturas críticas…); o terceiro define os niveis de activación do plan segundo a perigosidade; o cuarto organiza aos/ás responsables municipais en grupos de traballo; e o quinto, establece as normas xerais de actuación para cada responsable do grupo.
Con este traballo previo, o Concello adherirase ao convenio coa Consellería de Medio Rural, que posiblemente será a encargada de notificar a cada un dos propietarios/as catastrais das parcelas afectadas.