O Concello de Bueu presenta unha programación de Nadal moi diversa e familiar
-
A rapazada será o eixo vertebrador das actividades relacionadas co fomento do deporte, cinema, maxia e espectáculos musicais
O Concello de Bueu xa ten lista a programación de Nadal, con actividades diversas para toda a familia, como vén sendo habitual cada ano, na que se combinan propostas organizadas polas diversas concellarías municipais e os colectivos da vila.
Co obxectivo de continuar apostando polo fomento de hábitos deportivos e saudables, os máis pequenos e pequenas poderán gozar de diferentes eventos durante as mañás semanais, concretamente entre as 11 e as 13 horas. Entre as actividades propostas están un percorrido fotográfico polas fontes da vila (o 26 de decembro na Praza Massó para persoas de 8 anos en diante), unha busca do tesouro (no Pavillón Pablo Herbello o 27 de decembro e destinado á rapazada de entre 6 e 12 anos), xogos con palas (o 28 de decembro no Pavillón Pablo Herbello, para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos), e unha ruta de sendeirismo de Urbano Lugrís, que percorrerá o 29 de decembro todos os espazos da vila coa pegada do artista e destinada ás persoas de 8 anos en diante. E para comezar o ano desenvolverase un percorrido pola vexetación do río Bispo o 2 de xaneiro, unha xornada multipoderte no Pavillón de Beluso o día 3 e unha xincana na Praza Massó, o 4.
Para as tardes, o programa inclúe actividades culturais, maxia e cinema, no que os máis pequenos e pequenas serán o eixo vertebrador e que se desenvolverán en varios espazos municipais, co obxectivo de levar a cultura entre toda a poboación. O 23 de decembro, a partir das 17 horas, o Parque Ramal dos Galos acollerá un espectáculo con Duende Circo e chocolatada, e o 26 o Centro Social os máis pequenos e pequenas poderán gozar dun concerto de punk infantil. O 27, o Mago Pedro Bugarín actuará na Escola do Torrecino de Cela, o 28, poderase ver o filme Cuento de Navidad no Centro Social, o 29 desenvolverase o espectáculo Puño – Puñete, o 2 de xaneiro, concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona no Centro Social, o 3, maxia co Mago Paco na Casa do Pobo de Beluso e o 4, proxección da película El malvado zorro feroz.
No espazo da Axencia de Lectura de Meiro organizan tamén un Nadal ateigado de oferta cultural. O 20 de decembro un concerto de panxoliñas a cargo do grupo infanto – xuvenil “De Cabras”. O 27 estará a escritora coruñesa Eli Ríos para presentar os seus últimos libros Luns e DX, e o 3 de xaneiro, a rapazada poderá participar dunha tarde especial de xogos a partir das cinco da tarde.
Ademais, como vén sendo habitual, os colectivos musicais da vila organizan os seus festivais de Nadal: Festival de Recordos da Nosa Terra, que terá lugar o 21 de decembro no Centro Social do Mar, o Concerto Solidario da Banda de Música Artística o 22, ou o Festival de Panxoliñas de Nadal da Asociación Española Contra o Cancro do 23 de decembro.
O 23 a Asociación San Marcos de Beluso inaugura o seu XI Belén Vivinte, que se poderá ver na Casa Reitoral da parroquia entre as 16 e as 20 h.
O 24 de decembro, data da Noiteboa, o Apalpador visitará por terceiro ano consecutivo a Praza Massó, para encher de maxia os desexos da rapazada, no marco dun programa impulsado pola Deputación Provincial de Pontevedra. O espectáculo inclúe a narración oral e a música, xa que o Apalpador vai acompañado dun acordeonista, que xiran ao redor de historias tradicionais galegas.
E xa en xaneiro, o evento estrela serán os Reis Magos que recibirán aos nenos e nenas no peirao o propio día 5 ás 12.00 h. Pola tarde, e como novidade deste ano, a cabalgata partirá do Estaleiro da Banda do Río, que xustamente se vén de rehabilitar e que pronto comezará as obras de musealización.
O programa, que se pode consultar completo na sección de eventos da páxina web, inclúe tamén actividades como a IX Xornada de Billarda ou cachiza, Torneos de Balonmán e de xadrez, trail, inauguración de alfombra floral, teatro para adultos, etc.