Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presenta unha nova páxina web máis visual e adaptada aos novos tempos

A concelleira de turismo, Silvia Carballo, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, durante a presentación da nova páxina web

  • Esta ferramenta de comunicación foi financiada con cargo á subvención de dinamización lingüística da Deputación de Pontevedra
  • O portal inclúe como novidades o uso do dominio .gal, o deseño máis visual, o incremento da interacción e a xerarquía intuitiva

O Concello de Bueu presenta ao público unha nova páxina web (www.concellodebueu.gal) que substitúe a anterior e na que destaca a inclusión do dominio .gal, unha xerarquía clara e intuitiva, un impacto visual, a interacción, a adaptación a todos os soportes de lectura e o incremento dos elementos visuais. O obxectivo desta nova web de servizos non é outro que “adaptarse aos novos tempos”, tal e como destacaron hoxe na rolda de prensa de presentación o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de turismo, Silvia Carballo.

Tal e como explicou Carballo, a web que funcionou ata a actualidade foi creada no 2007 co obxectivo de dar cabida a novas, anuncios e a todas as cuestións relacionadas coa vida municipal. No entanto, quedou obsoleta ante as esixencias das novas tecnoloxías e a afluencia cada vez máis forte das redes sociais. Por iso, se tomou a iniciativa de crear este portal renovado, no que se potencia a comunicación en lingua galega coa cidadanía. Así se manifesta no cambio ao dominio .gal, tanto na propia web como nos correos corporativos, proxecto que foi subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra no marco das subvencións para a dinamización lingüística, e que foi realizado pola empresa local Nerade, en intensa colaboración co Concello durante algo máis dun ano.

O alcalde destacou a importancia desta ferramenta útil para o conxunto da cidadanía, coa que se facilita o acceso á administración, á sección de actualidade, á axenda de eventos e aos arquivos multimedia. Estes aspectos teñen que ver coa vocación de información diaria e de transparencia, proba do que é a Administración Electrónica á que o Concello se sumou xa fai dous anos. Juncal lembrou durante o acto que esta páxina é “unha evolución da anterior, que naceu coa vocación de incrementar a interacción coa cidadanía”. O rexedor refírese á eliminación do espazo físico e ao incremento das canles de comunicación por vía electrónica.

Así mesmo, como complementarias a esta web, as redes sociais do Concello actualízanse a diario, tanto Facebook como o Twitter e o Instagram.