Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu avanza nos trámites para a construción da piscina municipal

A Xunta de Goberno Local na aprobación da documentación técnica da piscina municipal

  • Este xoves aprobouse diversa documentación técnica do proxecto, necesaria para solicitar a subvención do Plan Concellos nas anualidades do 2018-2019

O Concello de Bueu celebrou hoxe dúas Xuntas de Goberno Locais: unha para aprobar as últimas licenzas urbanísticas con cargo ás Normas Subsidiarias de 1986, dado a entrada en vigor do PXOM coa súa publicación este venres no BOPPO, e a outra pola vía da urxencia para dar luz verde á documentación técnica do proxecto da piscina municipal, que non estaba no aprobado o 31 de agosto, caso do estudo xeotécnico, a climatización, instalación eléctrica ou o estudo de saúde.  Esta documentación é imprescindible para que o Concello poida solicitar a subvención do Plan Concellos da Deputación, trámite previo ao expediente de contratación das obras, tal e como salientou o alcalde da vila, Félix Juncal, ao remate da xuntanza.

Despois de moitos anos de demanda por parte do goberno local, a piscina municipal de Bueu xa ten aprobada unha subvención da Deputación de Pontevedra por importe de 1.500.000 euros no marco do Plan de Reequilibrio Territorial para equipamentos singulares en concellos de menos de 20.000 habitantes.

Cun orzamento total de 2,8 millóns de euros, construiríase nunha parcela das Lagoas, que ten unha superficie de 1863 metros cadrados.  Amais do vaso da piscina cunha dimensión de 12 x 25 metros, habería diversos espazos nos que se relacionan a saúde e o deporte, tales como sala de aerobic, sala de relaxación, sala de fitness, sala de masaxes, e sauna. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación.

A maiores, o Concello contará coas achegas do Plan Concellos 2018 e 2019 do ente provincial, cuxa tramitación se realizará a continuación tras a aprobación da citada documentación técnica na Xunta de Goberno deste xoves.