Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presenta un almanaque para 2022 ilustrado por Josuha Xanbreo

  • Baixo o lema de “O Bueu que somos”, o calendario está dispoñible para descarga na páxina web oficial
  • Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, destacou que “é unha iniciativa que pon en valor os elementos patrimoniais das tres parroquias e a creación artística”

Bueu contará este ano cun almanaque ilustrado para 2022 como unha das principais novidades do seu Nadal. Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, destacou na rolda de prensa celebrada este martes que “é unha iniciativa que pon en valor os elementos patrimoniais das tres parroquias e a creación artística”.

O calendario, que inclúe un saúda do alcalde para que gocemos do Bueu que somos, conta cun total de quince láminas da autoría do artista local Josuha Xanbreo, que comezan coa praza do Concello e Massó na portada e o Estaleiro da Banda do Río na contracapa, mentres que xaneiro ofrécenos o debuxo da Capela de Santos Reis; febreiro está ilustrado coa Aula da Natureza de Cabo Udra; marzo, coa Biblioteca Municipal Torrente Ballester; abril, co monumento a Johan Carballeira; maio, coa Casa do Pobo de Beluso; xuño, co Faro da Illa de Ons; xullo, coa Igrexa de Ermelo; agosto, co adro de Sanamedio; setembro, co parque Joe Novas de Beluso; outubro, coa Aula de Interpretación do Litoral de Agrelo; novembro, coa fonte do Cura e a Igrexa parroquial de San Martiño; e decembro é para a Igrexa Románica de Cela, mentres que pecha a contra a praia de Pescadoira acompañada da Nave de Deportes Náuticos. Ademais, o almanaque destaca ata sesenta e sete efemérides relacionadas con datas relevantes tanto de mulleres e homes da historia de Bueu, como outras de nivel galego, sen esquecer as mundiais que fan fincapé en valores como o respecto polo medio ambiente, a igualdade, a cultura, o deporte, e outras festividades.  Así, segundo os datos achegados polo edil da área de cultura, “o calendario recolle nove efemérides dedicadas a mulleres co que queremos seguir camiñando cara á igualdade real a través da visibilización feminina da nosa historia”.

Josuha Xanbreo destaca que “o proxecto naceu en outubro, e as ilustracións mesturan a realidade con outras de recreación artística, e parten dos carteis encargados polo Concello para as freguifestas e outros eventos como os encontros artísticos Debuxadas”. O artista salienta que no calendario todos os elementos teñen o mesmo protagonismo, tanto as ilustracións como as efemérides e os recadros dos días.

Dende o Concello imprimiuse unha tirada especial para o Nadal de 500 exemplares, con 250 en tamaño A3 e outros tantos en A4. Deles xa se fixo unha primeira repartición para o persoal municipal, e nos próximos días o goberno local agasallarao entre as asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais e educativos da vila. Así mesmo, o almanaque estará dispoñible na web municipal para descarga por parte da cidadanía interesada, e tamén se lanzará nas redes sociais do Concello un sorteo especial para conseguir algúns impresos. “Queremos que a veciñanza se sinta orgullosa do Bueu que somos e que poida celebrar as efemérides que propoñemos ao longo dos diversos meses”, culmina Leal.

Este proxecto iníciase este ano e a idea é que poida continuar nos futuros como unha aposta polo coñecemento dos recursos patrimoniais e etnográficos da vila bueuesa, así como de promoción dos e das artistas locais.

DESCARGA DE BALDE O ALMANAQUE ‘O BUEU QUE SOMOS’ PARA O ANO 2022

LIGAZÓN DE DESCARGA