O Concello de Bueu presenta o V Plan de Igualdade, un instrumento con obxectivos e estratexias para acadar a igualdade entre homes e mulleres
- Este instrumento recollerá as liñas de acción en materia de igualdade no municipio para os próximos seis anos
O Concello de Bueu promove o V Plan para a Igualdade de mulleres e homes, que entrará en vigor logo de que se aprobase no pleno da corporación municipal desta semana, onde a proposta da concellaría de igualdade saíu adiante por unanimidade de todos os grupos. Este será o instrumento que rexerá as liñas de acción de fomento da igualdade para os próximos seis anos, é dicir, dende o 2022 ata o 2027.
Segundo salienta Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, “ao igual ca os anteriores, o plan actual será unha ferramenta ante todo realista, con accións que se van levar a cabo nos diferentes eidos e que recolle unha política integral de promoción da igualdade”. A posta en marcha do V Plan de Igualdade vai permitir, durante estes anos, continuar desenvolvendo políticas de acción positiva en todos os ámbitos e áreas municipais, co fin de alcanzar a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes no municipio.
O plan, que se pode consultar completo na páxina web municipal, articúlase en base á diagnose de xénero da situación actual da igualdade no municipio, así como ás necesidades e demandas da cidadanía para a consecución dunha igualdade real e efectiva. Na estrutura do plan recóllense oito áreas estratéxicas de intervención cun total de sesenta e dúas medidas de actuación inspiradas no principio de transversalidade. Ademais, quedan tamén reflectidos os procesos de elaboración e de seguimento e avaliación para coñecer o grao de execución de cada unha das medidas de actuación programadas.
As áreas estratéxicas de intervención son: a transversalidade de xénero, a violencia de xénero, educación e cultura, formación e emprego, ocio e deporte, participación política e social, saúde e benestar, e conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Aínda que as áreas de actuación van na liña das de plans anteriores, incidirase de maneira especial na educación como chave para cambiar a mentalidade, así como para mellorar a coordinación entre todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero. Por iso, cada liña área estratéxica inclúe liñas de acción, que serán levadas a cabo de forma conxunta polas diversas concellarías e axentes sociais, e que estarán sometidas a un proceso de seguimento e avaliación.
Así, por exemplo, na área de transversalidade do xénero, preténdense realizar accións formativas para o persoal político, realizar unha análise das subvencións, contratacións e convenios realizados polo Concello para establecer cláusulas de xénero na súa concesión ou realización ou elaborar unha guía práctica para axudar a incorporar a perspectiva de xénero ao persoal do Concello. Na de violencia de xénero, o Concello incidirá de forma especial na realización de campañas de sensibilización e concienciación que axuden a previr situacións de agresións sexistas en todas as actividades, e de forma especial nos centros educativos a través de obradoiros, e continuar coa atención de mulleres vítimas de violencias machistas no CIM. Estas son só algunhas das sesenta e dúas medidas que o Concello pretende impulsar nos seis anos próximos, nos que se pretende continuar cunha aposta firme a prol da igualdade efectiva e real.
A concelleira tamén destaca “o labor levado a cabo polas técnicas do Centro de Información ás Mulleres, que traballan arreo para que a igualdade se consiga, a través de actividades en diversos contextos pero, sobre todo, dende o ensino e a colaboración cos centros educativos da vila.