Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presenta ‘A memoria da auga’ e mellora a sinalización de 47 fontes e lavadoiros

  • O proxecto foi financiado con cargo a unha subvención de patrimonio da Deputación de Pontevedra, e contará cunha segunda fase

O Concello de Bueu mellora a sinalización de corenta e sete fontes e lavadoiros, no marco do proxecto “A memoria da auga”, que se levou a cabo no marco das subvencións para a rehabilitación de sinalización de patrimonio histórico – cultural da Deputación de Pontevedra do ano 2020. Esta primeira fase tivo un custe de 12.810,41 €, dos que o organismo provincial achegou 9.031,61 €.

Segundo consta na memoria do proxecto, a actuación consistiu na colocación de 47 placas de tamaño 21×29,7 cm e con fondo cor pedra país con serigrafía cerámica vidriada en forno nas cales se incluíu ademais da denominación do elemento os logotipos do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra xunto a un código QR que nos leva a unhas fichas da web do Concello nas que se explica un pouco a historia e as principais características arquitectónicas dos bens. Ademais destes elementos vaise dispoñer dunha placa central a colocar na Praza de Abastos. Nela identificáronse todas as fontes e lavadoiros co seu nome diferenciándoos por parroquias.

Tal e como salienta Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, “este proxecto complementa as outras actuacións que levamos a cabo de posta en valor do patrimonio material e inmaterial nos últimos anos, cunha especial atención á recuperación das fontes e lavadoiros, que son elementos vinculados coa historia social e comunitaria da nosa historia, sobre todo como centros de traballo e encontro das mulleres”. Dende a concellaría de patrimonio xa se atopan traballando para mellorar a sinaléctica doutro lote de fontes e lavadoiros.

Entre os elementos sinalizados están os lavadoiros de Cabalo, Laxes-Sar, Lagomansiño, Fontenova, fonte de Nocedo, fonte de A Roza, lavadoiro de A Roza, lavadoiro da Rúa Nova de Abaixo, lavadoiro de Sanamedio ou a fonte de Vilar, entre outros.