O Concello de Bueu pon un autobús gratuíto para que a cidadanía poida asistir á manifestación pola sanidade pública
- As persoas que desexen asistir á manifestación do 12 de febreiro deberán inscribirse no 2º andar do Concello ou a través do teléfono 673256450
- Os grupos do goberno de BNG e ACB levarán ao pleno unha proposta para instar á Xunta de Galicia a que garanta o dereito á saúde a toda a poboación
Tal e como vén sendo habitual, o Concello de Bueu apoiará a concentración en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o próximo 12 de febreiro en Compostela, e por iso poñerá un autobús gratuíto para que a cidadanía bueuesa que o desexe poida asistir. As persoas interesadas poderán inscribirse no 2º andar do Concello de Bueu ou ben a través do teléfono 673256450 (tamén vía whatsapp).
Os grupos de goberno do BNG e ACB levarán ao próximo pleno unha moción de defensa da sanidade que se acordou despois da reunión mantida no Concello de Pontevedra e á que asistiron representantes dos municipios afectados da área sanitaria Pontevedra – O Salnés.
O Concello de Bueu continúa a defender a sanidade pública e o dereito de todas as persoas a seren atendidas nos seus propios centros de saúde. O alcalde Félix Juncal salienta que “mostramos preocupación ante o que está acontecendo coa sanidade, unha problemática baixo a que subxace un cambio de modelo sanitario e a privatización dos recursos”. Así, no Centro de Saúde de Bueu detectáronse nos últimos meses diversas incidencias, pois no servizo de urxencias non se cobren as baixas ou vacacións ou ben desprázanse aos seus facultativos a outros centros de saúde da área sanitaria. O rexedor bueués reivindica a defensa de políticas que garantan a igualdade entre as persoas e que non se privaticen os recursos.
O goberno anima a toda a cidadanía a participar na manifestación do próximo 12 de febreiro xa que “a nivel social debemos mobilizarnos e reclamar os dereitos que nos corresponden e que tanto loitamos por conseguir”.