Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha o obradoiro ‘A vila do mañá’

  • A actividade, que terá lugar do 30 de xullo 3 de agosto, vai destinada a fomentar o coñecemento e a reflexión sobre o urbanismo destinado á rapazada de 5 a 12 anos

No marco do fomento de políticas activas para a infancia e a mocidade, o Concello de Bueu promove o obradoiro “A vila do mañá”, un proxecto destinado á rapazada de entre 5 e 12 anos que se celebrará en diversos espazos públicos do municipio do 30 de xullo ao 3 de agosto.  O obradoiro consta de 75 prazas e é totalmente gratuíto, aínda que se deberá realizar a inscrición previa (do 17 ao 26 de xullo) no Departamento de Cultura, a través do correo electrónico cultura@concellodebueu.gal ou no teléfono 986324338.

Na rolda de prensa celebrada este venres na Praza Massó, o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, declarou que “trátase de impulsar a relación co patrimonio e o urbanismo desde a infancia”. A iniciativa xorde nun momento no que por parte da Asociación da Banda do Río se plantexou a necesidade dun concurso de ideas no barrio, polo que é importante comezar desde a base.

Na mesma liña, a edil de infancia e mocidade, Inmaculada Rodríguez, apuntou que “buscamos ofrecer a cara máis amable do urbanismo e darlle protagonismo aos cativos/as”.

A iniciativa forma parte dun proxecto da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e baséase nas ideas de Francesco Tonucci, que relaciona a infancia co urbanismo e patrimonio das vilas, reforzando así o sentimento de pertenza ao lugar, a identidade e tamén achega conceptos sobre planificación urbanística.

«A vila do mañá» (tamén leva o nome de «A cidade do mañá» en determinados concellos) é un proxecto dirixido pola laureada arquitecta Sandra González Álvarez e o seu equipo ( PØSTarquitectos). A forma de traballar será a de ver a cidade e invadir os espazos a través de xogos, marcos, espellos, liñas e cintas, elementos tridimensionais e globos.

As experiencias, que tamén foron levadas a cabo, en Rianxo, Ames, Verín, A Pobra do Caramiñal, Mondoñedo e Ribeira, dan lugar á edición dun libro específico do concello. “A vila do mañá” é un proxecto educativo cuxo obxectivo é que desde a infancia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe.

O obxectivo principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, cidade, vila), dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura. O fin é provocar neles o espertar dunha nova ollada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida e os seu tempo de lecer e divertimento.

Ficha de inscrición

Autorización para o uso de imaxes

Dossier A vila do mañá