O Concello de Bueu pon en marcha de novo o programa de apoio psicolóxico para menores
- Dende o departamento de benestar social continúase con este servizo ata abril do ano que vén co fin de prestar apoio e acompañamento psicolóxico ás familias e mediación familiar, e psicosociativo para menores
O Departamento de Benestar Social do Concello de Bueu vén de poñer en marcha de novo o servizo de atención psicolóxica á/ao menor, subvencionado parcialmente co Fondo Social Europeo Plus a través do programa FSE + Galicia 2021-2027 da Xunta de Galicia. Este servizo estará dispoñible ata finais de abril do próximo ano e con el tratarase de prestar apoio en situacións que entrañan algún conflito nos e nas menores e nas súas familias.
Este programa busca, por un lado, prestar apoio psicolóxico ás familias máis vulnerables, con especial atención ás/aos menores, achegar recursos socioeducativos e ferramentas para superar a súa problemática, mellorar a súa xestión emocional e as súas relacións familiares, resolver de forma positiva os conflitos, especialmente aqueles por razón de xénero, e promover a adquisición de competencias e habilidades para un axeitado desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas.
Por outro lado, tentará ofrecer ás/aos menores apoio e acompañamento psicolóxico, social e educativo, co fin de superar as dificultades detectadas, tanto a nivel de inclusión social como de aprendizaxe, así como previr a aparición de condutas de risco.
As persoas que desexen máis información poderán contactar co departamento de benestar social a través do enderezo electrónico benestarsocial@concellodebueu.gal ou no teléfono 886124816.