Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon a disposición da veciñanza material para a Festa das Alfombras

  • O Concello anima á cidadanía a participar e colaborar coa festividade mediante a confección de alfombras florais
  • A Festa das Alfombras Florais celebrarase o segundo fin de semana de xuño e incluirá actuacións musicais, ademais dos actos tradicionais

O Concello de Bueu prepárase para a celebración da tradicional Festa das Alfombras Florais o 10 e 11 de xuño. Como acontece todos os anos, dende o Concello instan á participación e colaboración da veciñanza, asociacións e outros colectivos para confeccionar as alfombras florais. Por ende, abriu un formulario para que a veciñanza solicite material, o cal se pode atopar e cubrir no propio concello, en formato físico, e na www.concellodebueu.gal, en formato electrónico.

A celebración floral comeza a asentar as súas raíces na vila mediante a apertura da solicitude de material para a elaboración das alfombras destinada á veciñanza. O material que se pode atopar no formulario comprende cereais como o trigo e a cebada, cunchas de berberecho, viruta para tinxir, cáscara de arroz e elementos verdes como herbas ou follas. Tamén haberá a disposición das persoas solicitantes material complementario ao floral, como xices, cola, rotuladores, papel tipo kraft e plantillas de deseño para quen precise ideas de alfombras. O segundo fin de semana de xuño, a vila acollerá diversas actuacións musicais, que se anunciarán nas próximas semanas, xunto cos actos tradicionais.

As persoas que desexen mandar unha solicitude terán que cubrir o formulario antes do 5 de xuño, por motivos relacionados coa organización da festa. Tras a acollida das peticións, o persoal municipal será o encargado de contactar coas persoas e/ou colectivos solicitantes para acordar a entrega do material.

A Festa das Alfombras de Bueu, declarada como de Interese Local no 2002 e de Interese Turístico Galego no 2017, esconde unha enorme historia. A celebración desta festa pode situarse no século XVII, aínda que a época de maior apoxeo sitúase entre as décadas de 1940 e 1950. A antiga carpintaría da fábrica Massó era o espazo elixido para elaborar as tradicionais carrozas, costume que aínda ten presente a poboación do municipio. A tradición durou ata comezos dos 70, debido ao peche da conserveira.