O Concello de Bueu organiza unhas festas de San Martiño moi diversas
O municipio de Bueu acollerá a vindeira fin de semana as festas patronais na honra de San Martiño, cunha programación festiva e lúdica que pretende achegarse a todos os públicos, como vén sendo habitual nas Freguifestas, tal e como salientou o concelleiro de cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este venres no salón de plenos, na que tamén estivo presente o alcalde Félix Juncal.
Os festexos celébranse do entre venres o domingo (9-11 de novembro) e combinan a verbena co deporte e as actividades populares, cunha programación organizada polo Concello de Bueu, quen por terceiro ano consecutivo toma as rendas desta festa coa colaboración da Asociación Bueu en Festas e da Deputación de Pontevedra.
Maravallada serán os encargados de inaugurar a festa o venres ás 21 horas cun espectáculo familiar que pequen@s e maiores poderán gozar no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar aforo.
O sábado ás 11.00 h terá lugar a descuberta da placa da rúa Jesús López Cortizo “O Ferrolán”, tras o que seguirá unha ruada a cargo da Fanfarria Furruxa, grupo conformado no 2016 que fusiona temas de varios estilos e culturas mesturando sempre as gaitas con outros instrumentos.
A placa homenaxeará ao que fora propietario da antiga taberna ubicada na rúa Eduardo Vincenti, onde logo estivo unha oficina de Caixagalicia. Ese bar era para moitos habitantes de Bueu como unha oficina de emprego, sobre todo entre os anos 1945 e 1980, cando “O Ferrolán” axudou de forma altruísta a moitos veciños/as a embarcarse ata o Gran Sol, xestionándolles ante a Comandancia Marítima de Vigo e o Ministerio da Mariña os títulos e certificados para que puidesen ir ao mar nunha época de grandes necesidades.
Pola tarde, entre as 16 e as 18 horas, as ANPAS da vila organizan un magosto con xogos populares nos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas, ao que se lle seguirá Cabaret de circo a partir das seis da tarde.
Tamén o espazo das Lagoas albergará unha festa polo décimo quinto aniversario por todo o alto onde os Dakidarría percorrerán, nun extenso repertorio, a súa traxectoria musical que comezou no 2003 no “Concerto expansivo” organizado pola plataforma de artistas galegas “Burla negra” en protesta pola pésima xestión da crise do petroleiro Prestige. Unha das formacións de rock máis internacionais de Galiza poñerá o broche de ouro á programación do sábado cun concerto especial.
O domingo, día propio de San Martiño, celebrarase un dos eventos deportivos con máis tradición na vila e na contorna: a XXIII Carreira Pedestre de San Martiño, que se organiza co Club de Atletismo Corredoiras. Ás 12 horas, a Fanfarria Furruxa ofrecerá unha nova ruada.
Pola tarde, a zona das Lagoas contará con xogos populares e cun concerto de Punk infantil, e xa pola noite, a partir das 21 horas, a orquestra La Ola Adn pechará a programación desta festa concibida para todos os públicos.
Tamén, o 10 e o 11 de novembro, poderase visitar no adro pequeno da igrexa, a XIX Mostra de Fotos Antigas que como cada ano selecciona a Asociación Cultural Santos Reis e que ensinan a historia da vila a través de fotos do pobo e das súas xentes.
XXIII Carreira Pedestre San Martiño
O municipio de Bueu será o escenario dun dos eventos con máis tradición polo San Martiño: a carreira pedestre, que este ano celebra o 11 de novembro a súa vixésimo terceira edición.
A carreira, que será eminentemente urbana, tomará a saída na Avda de Montero Ríos, á altura do Museo Massó a partir das 10 horas para as categorías inferiores (chupete, minibenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete) e xa ás 12 horas celebrarase a carreira de seis quilómetros. Nesta poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 16 anos que se atopen ben fisicamente e que gocen de boa saúde en xeral.
As inscricións terán que realizarse antes do 8 de novembro a través da web www.galitiming.com cun custe de 6.00 € por participante para a carreira absoluta de seis quilómetros, e gratuíto nas restantes.
O regulamento establece que na categoría absoluta, tanto feminina como masculina, recibirá 75 € o primeiro clasificado/a, 50 € o segundo/a, e 25 € o terceiro. Pola súa banda, todos os/as participantes na categoría de chupetes recibirán medallas, e no resto, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados/as.