O Concello de Bueu organiza un «Outubro de contos» para celebrar o Día das Bibliotecas
- As sesións celebraranse varios días ás 17.30 horas nas tres bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada
- O programa culminará o 24 de outubro na biblioteca de Bueu coincidindo co Día das Bibliotecas
Outubro é o mes das bibliotecas, e o Concello de Bueu celébrao cunha nova rolda de contos, no marco do programa “Outubro de contos” e do “Ler conta moito”, que xa tivo sesións en abril e en xuño deste ano cun gran éxito de público.
Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, preséntanse agora tres novas obras que encherán as bibliotecas de amor polas palabras co fin de achegar a lectura á cativada.
O programa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, estenderase durante tres días do mes de outubro ás 17.30 horas nas tres bibliotecas municipais. Así, a primeira das actividades será “Animaladas” de Teatro Calavera, da que se poderá gozar o mércores 9 de outubro na Biblioteca Municipal de Cela. Nela atopamos á exploradora Jeanne Baret, quen convida ao público a unha misión na selva de Pitiminí, que aínda que non é moi grande está chea de misterios e especies por descubrir. Para iso terán que achegarse moi de preto e ir somerxéndose na natureza salvaxe onde coñecerán diferentes historias a través da narración de contos.
A seguinte será o martes 15, á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Beluso, coa actividade “Onde viven os monstros” de Carmen Domech, unha historia chea de humor e diversión, na que Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre. Libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos. Na súa aventura, desafía aos seus propios medos, a frustración, a rabia, a incomprensión ou o temor ao rexeitamento.
O programa rematará o xoves 24, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, e farao na Biblioteca Municipal de Bueu, onde se poderá gozar da obra de títeres “O traxe novo do rei” de Tarabelos, na que se conta a historia dun traxe especial, para un rei especial, que promete caprichos inigualables e mesmo incrementa a intelixencia de quen o viste.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.