Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza un obradoiro de creación mariña co artista local Tino Resille

  • A actividade, que se insire no proxecto municipal Marearte, desenvolverase no Centro de Interpretación de Agrelo do 5 ao 15 de xullo
  • Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, apunta que “se trata dun programa que relaciona a creación artística co mundo do mar, poñendo en valor tamén a parte medioambiental”

O Concello de Bueu organiza do 5 ao 15 de xullo un obradoiro de creación mariña no Centro de Interpretación de Agrelo, no que poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 14 anos. Nel terán a oportunidade de aprender sobre a relación entre a creación artística e o mar, poñendo tamén en valor a parte medioambiental, a través de obradoiros con artistas locais. Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, salienta que “este obradoiro se insire no programa municipal Marearte, co que apostamos forte pola arte arredor do mundo mariñeiro”.

Este primeiro obradoiro será impartido polo artista multidisciplinar Tino Resille, e en total ofértanse dez prazas, para as que se deberá realizar a inscrición previa no enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal, indicando o nome do rapaz ou rapaza, o teléfono e o DNI. A actividade, que se desenvolverá entre as 10 e as 13 horas, ofrecerá xogos, obradoiros de manualidades, de teatro e arredor da natureza. A través do mar, a cativada terá a oportunidade de realizar obras artísticas e traballar valores como a expresión creativa, o equilibrio persoal e afectivo, a integración e a participación social, ou o fomento da comunicación.