Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza un novo mercado ecolóxico e artesanal con ‘porquiño ao espeto’

  • Celebrarase o 18 de novembro a partir das 11 horas, e incluirá venda de produtos da horta e artesanais, ademais de actividades paralelas para toda a familia

  • O xantar con “porquiño ao espeto” precisa de inscrición previa en lotes para dez persoas antes do 14 de novembro

O Concello de Bueu organiza o domingo 18 de novembro unha nova edición do mercado ecolóxico e artesanal, unha cita referencia na nosa comunidade que suma cada vez máis adept@s, e que este ano contará con dúas novidades principais, tal e como destacou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa deste venres, na que tamén estiveron presentes Sonia Cabodevila, técnica de desenvolvemento local, e Luz Gómez, de Horta Agrelo. A primeira destas novidades é o cambio de ubicación, que se traslada da Praza Massó aos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas, no mesmo espazo que as Festas de San Martiño desta fin de semana. Neste sendo, a concelleira apuntou que “se trata dunha zona comercial moi importante e na que incrementou a apertura de novos negocios nos últimos anos”.

A outra aposta forte ten que ver coa demostración de produtos da terra. Por iso, nesta edición as persoas asistentes poderán degustar un xantar composto por un lote de “porquiño ao espeto”, tradicional do lugar de Amil, en Moraña, para o que será necesario previa reserva.

O mercado estará aberto entre as once da mañá e as oito da tarde e ao longo do día a venda combinarase con actividades como obradoiros, contacontos ou charlas. Os e as visitantes poderán observar unha demostración de talleres de profesións desaparecidas, como é o caso dun zoqueiro, un artesán cesteiro e outro que confecciona cestas con palla de vimbia, e un de tallado de cristal.

Así, ás 12.00 h, no espazo destinado aos nenos e nenas terán lugar un campionato de Agroolimpiadas (para os que se impartirán uns obradoiros nos centros educativos da vila durante a vindeira semana) cuxos premios estarán compostos por dúas entradas ao Ecoparque de Marín, unha bolsa ecolóxica pintada e personalizada e un produto téxtil a escoller. A continuación desenvolverase un obradoiro de elaboración de esponxas naturais con lá de ovella.

Ás 12.30 h, Enrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde e quen fora durante moitos anos presentados do programa “Senda verde” da TVG, impartirá unha charla sobre a alternativa ecolóxica para a nosa comunidade, seguida dunha presentación e degustación do viño da IXP “Ribeiras do Morrazo e do queixo da Cooperativa Galega Caprina.

Pola tarde, os máis pequenos e pequenas poderán aprender a construír tipis (cabanas de indios) e a realizar pintacaras e tatoos con pinturas e tinturas naturais.

Ás 18 horas desenvolverase o obradoiro de cosmética natural sobre a elaboración de crema facial (con rosas, romeiro e macela), e a continuación María Carrera buscará transmitir a reflexión sobre as abellas a través dun contacontos. E xa para rematar, tanto ás dúas como ás oito da tarde sortearase un lote de produtos da feira con tickets de compra.

Xantar de porquiño ao espeto e outras alternativas

No marco da promoción de produtos gastronómicos de Galicia, o xantar estará composto por lotes de porquiño ao espeto para dez persoas, para o que se require de previa inscrición antes do 17 de novembro ao mediodía. O lote inclúe medio porquiño asado ao espeto e pan, media empanada de trigo de carne, media empanada de trigo de atún, tres botellas de viño tinto IXP Ribeiras do Morrazo, tres botellas de auga mineral, dúas bicas, café de pota con gotas e servizo completo de mesa. O custe por lote é de 180 € e a reserva deberá realizarse mediante ingreso bancario no número de conta de Caixabank ES45 2100 1839 1802 0004 0430, indicando como concepto “reserva lote porquiño ao espeto”. Tamén existe a posibilidade de recoller o pedido para domicilio.

Por outra banda, haberá outras alternativas gastronómicas como hamburguesas e embutidos de porco celta, filloas doces e salgadas, repostería tradicional e comida vegana.