Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza un Nadal cultural, deportivo e familiar

  • Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmen García, concelleira de cultura, destacan o “peso fundamental dos colectivos” e inciden na variedade  de propostas
  • Entre as actividades atópanse espectáculos de maxia, circo, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, xogos de mesa, futsal e moito máis
  • Os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos

O Concello de Bueu presenta unha programación ampla e variada para este Nadal, moi centrada nas familias e nos eventos para compartir estas festas entre a cativada e as persoas maiores, e con propostas culturais e deportivas das que se poderá gozar do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. Así o destacaron Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmen García, concelleira de cultura, quen durante a rolda de prensa deste luns fixeron fincapé na aposta do goberno local polas actividades para todas as idades, e nas que tamén colaboran, como é habitual, os colectivos culturais e sociais, que teñen “un peso fundamental”.

A programación iniciarase este venres, 15 de decembro, coa inauguración da tradicional alfombra de Nadal que elaboraron as persoas integrantes da Asociación Cultural Cunchas e Flores. O acto terá lugar ás 20.30 horas na Sala Amalia Domínguez Búa e nel actuará o Coro María Soliña de Cangas. Ese mesmo día, ás 21 horas, o Cineclub Bueu proxectará O triángulo da tristeza de Ruben Östlund.

O sábado, o Club de Buceo Ons organizará unha xornada de bautismos de mergullo solidario coa que se unirán á campaña “Ningún neno sen xoguete”. A actividade desenvolverase a partir das 17 horas nas instalacións da piscina municipal da vila, e nela poderán participar, previa inscrición, as persoas de oito anos en diante, as cales deberán traer un xoguete novo ou de segunda man que se doará a unha ONG.

Esa mesma tarde a música coral será moi protagonista con dous concertos. Ás 18.30 horas, desenvolverase o XV Concerto de Nadal organizado polo Coro de Cela na Igrexa da parroquia; e ás 19.30 horas, será o concerto de vilancicos “Xa chega o Nadal”, que promove a Coral Polifónica de Bueu. O domingo continuará a música coral co Festival Encanto, da man da Coral Polifónica Beluso a partir das 19.30 horas na Igrexa Parroquial de Beluso.

O venres 22, a escritora viguesa María Oruña presentará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar o seu último libro Los Inocentes, nun acto organizado pola Libraría Miranda que se celebrará ás 19 horas.

O sábado, no Pavillón Municipal de Beluso celebrarase un dos eventos novidosos deste ano, o Mercado de Nadal que organizan os colectivos da parroquia, como son Asbel, Asociación Cultura de Sanamedio e Novos Ventos. Así, entre as 10 e as 20 horas haberá produtos á venda e actividades culturais para todos os públicos como mostra de artesáns, actuacións, obradoiros, chocolatada, sorteos… Con esta proposta, dende os colectivos buscan amenizar a parroquia nestas datas de Nadal.

Pola noite, ás 20 horas, o Centro Social do Mar acolle o concerto de Nadal da Banda de Música Artística de Bueu.

O domingo, día de Noiteboa, os máis pequenos e pequenas recibirán entre as 16 e as 19 horas a visita de Papá Noel no Centro Social do Mar. Ademais, tanto ese día pola tarde, como o 25 pola mañá, o grupo de Retrouso organizará o tradicional Bando de Nadal en Cela.

O 26 programarase unha sesión de cinema familiar no Centro Social do Mar, onde a partir das 18.30 horas se poderán ver dous filmes, concretamente El chico que salvó la Navidad e Placido.

O 27, o Mago Noel visitará o Centro Social do Mar ás 19 horas para deleitar ao público asistente con sorprendentes xogos de maxia.

O xoves 28 o Apalpador chegará a Bueu ás 11 horas, onde se reunirá cos nenos e nenas na Praza do Concello. E xa pola tarde, ás 19.30 horas, proxectarase no Centro Social do Mar o documental A última dorna de Ons, do músico bueués Antón Davila e do fotógrafo Anxo Cabada, no que se conta a historia de Cesáreo Patiño, mariñeiro de oitenta anos supervivente dunha forma de faenar na illa de Ons a bordo da súa dorna. Neste audiovisual destacan as imaxes terrestres e aéreas dun lugar, a Illa de Ons, considerado un dos grandes patrimonios naturais e históricos da vila bueuesa.

O venres 29, o Nadal trasládase á Casa da Aldea de Meiro, onde se poderá gozar a partir das 18 horas do espectáculo “Maxia na Manga” e da actuación da Cantadela de Meiro, coa colaboración da Asociación Veciñal A Morada.

O sábado haberá dous festivais de Nadal: na Casa do Pobo de Beluso celebrarase ás 17 horas o da Asociación Cultural Novos Ventos; e no Centro Social do Mar, ás 20 horas, o da Asociación Española Contra o Cancro.

O domingo 31, a cativada poderá tomar as uvas de despedida do ano da man de Peter Punk e Os Jalochos, e as tradicionais “badaladas miúdas”, que serán ás 11.30 horas na Praza do Concello. Tamén ese día pola mañá se celebrará a carreira Silvestre con Galaicas, na que haberá xogos para a cativada e a tradicional carreira pedestre.

O mércores 3 de xaneiro, ás 18.30 horas poderase gozar no Centro Social do Mar do espectáculo “Abracadaver”. O xoves ás 17.30 horas será a xincana infantil organizada pola Asociación de Comerciantes de Bueu; e ás 18.30 horas, no Torrecino de Cela, o contacontos de Nadal con Olalla González e Marc Taeger.

O 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 11.00 horas ao peirao nas embarcacións tradicionais, como xa vén sendo habitual nos últimos anos. Pola tarde, en torno ás 17.00 horas, sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano, e pola noite, haberá un baile para persoas maiores co Grupo Azabache no Centro Social do Mar.

E xa o mesmo día 6, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a Romaría dos Santos Reis, cuxos festexos terán lugar na capela ás 12.30 horas.

Un Nadal de lecer

Ademais da programación xeral, este ano ponse en marcha “Un Nadal de lecer”, un conxunto de actividades e obradoiros que se desenvolverán nas instalacións da piscina municipal de Bueu, e que incluirán deporte e cultura.

O sábado 23, entre as 11 e as 13 horas, o artista local Marc Taeger impartirá un obradoiro artístico; o 27 terá lugar unha xornada aberta de xogos de mesa, entre as 17 e as 19.30 horas; o 2 de xaneiro será a festa “Emociónate co Nadal de Bueu”, entre as 16 e as 20 horas, na que se traballarán as emocións en contacto co xogo; o xoves 4 será o torneo 3 x 3 de fútbol sala que se desenvolverá entre as 11 e as 13 horas no Pavillón Pablo Herbello; o 6, tamén no Pavillón Pablo Herbello disputarase o torneo de cachiza a partir das 16 horas; e o 7 de xaneiro, o II Torneo de Ping-pong das 11 ás 13 horas, e o I Torneo SubastaNadal a partir das 15.30 horas. Ademais, nestas semanas habilitaranse varias salas da piscina para que os mozos e mozas poidan xogar a ping-pong ou futbolín, entre outros xogos.

Toda a programación ampliada poderase ver na páxina web do Concello (www.concellodebueu.gal) e nas redes sociais.