O Concello de Bueu organiza un concerto de Alberto Cunha para celebrar o Día da Poesía
- O proxecto ‘Escolma aberta’ poderá verse o próximo sábado, 26 de marzo, ás 20.30 horas, no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo.
O Concello de Bueu organiza o próximo sábado, 26 de marzo, o concerto ‘Escolma aberta’ a cargo de Alberto Cunha, que terá lugar no Centro Social do Mar ás 20.30 horas. Esta actividade, programada con motivo da celebración do Día da Poesía, pretende ensinar ao público unha combinación entre música, poesía e pintura, coa que se homenaxea á cultura galega.
Cunha duración de noventa minutos, Alberto Cunha interpretará doce temas baseados en recoñecidos poemas galegos de todos os tempos, como “Mentres eu peno” e “Campanas de Bastabales” de Rosalía de Castro, “Camiño longo” e “A Rosalía de Castro” de Ramón Cabanillas, “Moraima” e “Monólogo do vello traballador” de Celso Emilio Ferreiro, “A dama que ía no branco cabalo / O cabaleiro da pruma na gorra” e “Quen poidera namorala” de Álvaro Cunqueiro, “O vello i o sapo” de Manuel Curros Enríquez, “Volvín a terra pro perdín o amor” de Bernardino Graña, “Os corpos” de Alfredo Conde, e “Noiturno do adoescente morto” de Ramón Cabanillas. Todos estes poemas foron interpretados anteriormente por músicos como Luís Emilio Batallán, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubia, Os Tamara, Juan Pardo ou Vicente Araguas, e agora é Alberte Cunha o que lles dá unha nova voz.
‘Escolma aberta’ concíbese, pois, coma un proxecto artístico da editorial Elvira que ensambla tres disciplinas, e por iso se inicia cun limiar do poeta vigués Antonio García Teijeiro. Despois, as ilustracións de Ramón Trigo acompañan cada unha das reflexións de Jacobo Buceta, Javier Ferreiro, Moncho Lemos, María Lado, Ledicia Costas, Pati Blanco, Noelia Otero, Eduardo Rolland, Clara do Roxo e Antonio García Teijeiro.
A actividade será con entrada de balde ata completar o aforo.