O Concello de Bueu organiza rutas de sendeirismo, obradoiros e xogos tradicionais para a Semana Santa
- Silvia Carballo, concelleira de turismo, salienta que “apostamos por actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visiten”
- As rutas precisan inscrición previa a través do formulario web municipal, no teléfono 986390029 (ext. 2) ou de forma presencial no Concello
O Concello de Bueu, a través da concellaría de turismo, pon en marcha un programa de actividades co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para unha Semana Santa Activa. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “apostamos por actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visiten”.
Os máis pequenos e pequenas poderán participar nos obradoiros de xogos diversos que se celebrarán no recinto da piscina municipal o martes e o xoves dende as 10 e as 14 horas, e nos que se contará con persoal especializado en necesidades especiais.
As persoas adultas terán dúas novas oportunidades para coñecer mellor a contorna e a vila de Bueu a través das rutas de sendeirismo programadas para o xoves e sábado. O xoves farase un percorrido ata Chans con saída ás 10 horas da mañá, no que se coñecerá a historia da igrexa de Cela, ascenderase por núcleos rurais da parroquia ata a Área Recreativa de Chans, o Monte Castelo de Ardán, ou a Capela de San Lorenzo, entre outros. O sábado a ruta guiada será polo Sendeiro do Litoral á mesma hora, e nela percorreranse espazos da costa, dende o peirao de Beluso, a salga de Mourisca, praias como Sartaxéns, Tuia ou Mourisca, e atravesando tamén núcleos rurais como o de Sar ou Cabalo.
As dúas camiñadas son de dificultade media e teñen unha duración aproximada de tres horas, polo que os e as participantes deberán traer calzado e roupa cómoda, ademais de auga e froita. Para estas rutas é necesaria inscrición previa a través dun formulario web municipal, no teléfono 986390029 (ext. 2), ou de forma presencial no 2º andar do Concello de Bueu.
E o venres organizaranse xogos tradicionais coa colaboración do Club de Atletismo Corredoiras, dos que poderán gozar pequen@s e maiores na Praza Massó dende as once e media da mañá.