Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza o programa «Concilia Bueu» para favorecer a conciliación laboral e familiar no verán

  • O proxecto constará de obradoiros culturais e deportivos que acollerán un total de 100 rapazas e rapaces tanto nos meses de xullo como agosto

Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, inaugurou este venres, 1 de xullo, o “Concilia Bueu”, no que cen nenos e nenas gozarán dun programa lúdico cultural e deportivo ata o 31 de agosto, e que permitirá así mesmo favorecer a conciliación laboral e familiar durante a tempada estival.

O programa desesenvolverase durante o mes de xullo por parte da empresa de lecer Risotadas, que ofrecerá actividades baixo o paraugas da arte, mentres que en agosto será a cargo do club local Bueu Atlético Balonmán, que preparará obradoiros arredor do Camiño de Santiago e do Xacobeo.

Como en anos anteriores, o Concello de Bueu ofrece este programa de forma gratuíta xa que, segundo destacou a concelleira da área, “é un proxecto moi necesario que pretende axudar á conciliación das familias nestes tempos tan complexos”. Ademais, e como novidade, nesta edición cóntase con monitores e monitoras con especialidade en atención a necesidades especiais, unha iniciativa pola inclusión de todos os nenos e nenas.

Os diversos obradoiros culturais, artísticos e deportivos terán lugar en diversos espazos, concretamente no CEIP Plurilingüe A Pedra infantil e primaria e no Pavillón Municipal Pablo Herbello. Os nenos e nenas participantes son os nados entre o ano 2010 e o 2018, e o horario é de luns a venres en horario de 8.00 a 14.00 horas.