Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza homenaxes, talleres e cine na programación do Día Internacional das Mulleres

  • O 7 de marzo terá lugar unha homenaxe á cociñeira Toñi Vicente e ao día seguinte outra á Asociación de Mulleres Rurais
  • O alumnado do IES Johan Carballeira lerá a declaración a favor dos dereitos laborais das traballadoras o 8 de marzo ás 12 horas durante a concentración na Praza do Concello

O Concello de Bueu presenta a programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha data na que “debemos seguir poñendo de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e centrándonos na educación como o piar básico”, en palabras de Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social.

Os actos iniciaranse o 7 de marzo pola tarde cunha homenaxe á cociñeira Toñi Vicente, que terá lugar ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A continuación, e no marco das II Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu, presentarase no 2º andar da Praza de Abastos o libro A miña cociña, da mesma Toñi Vicente.

O 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres, celebrarase ás 12 horas unha concentración na Praza do Concello na que o alumnado do IES Johan Carballeira dará lectura á declaración a favos dos dereitos laborais das traballadoras. Xa despois, ás 12.30 h, o salón de plenos acollerá unha charla na que integrantes da Asociación Mulleres Rurais contarán a súa experiencia nun colectivo que cumpre trinta anos de vida, e que o consistorio aproveitará tamén para renderlle unha homenaxe.

Durante todo o día, o Centro de Saúde de Bueu acollerá unha mesa violeta con información e resposta de dúbidas, e tamén se desenvolverá baixo a organización da Asociación Galaicas o III Paseo da Muller. Baixo o lema “Diferentes, pero iguais”, programaranse ao longo de toda a xornada diversas actividades, entre as que destaca o Circuíto de dous quilómetros en forma de 8M que sairá dende o Centro Social do Mar e con acreditación finisher para todas as que o rematen. Ademais, haberá sesións de zumba ás 19.30 e 20.45 horas, e ás 20.30 h sairá a II Milla da Muller, cun percorrido que partirá do Centro Social do Mar e irá ata a punta do peirao con volta ao inicio.

Xa despois, ás 21.30 horas, coa colaboración do Cineclub, proxectarase a película A Número Un, que se poderá ver de balde  no Centro Social do Mar. Dirixido por Tonie Marshall, o filme conta a historia de Emmanuelle Blachey, unha brillante enxeñeira que conseguiu entrar no comité executivo da súa empresa e que busca conquistar a dirección dunha importante empresa que cotiza en bolsa, pero nese camiño toparase con moitos atrancos xa que as esferas do poder aínda continúan dominadas por homes. A través desta historia reflexiónase sobre o teito de cristal ou as desigualdades entre homes e mulleres no mundo empresarial.

Amais destas actividades, dende a concellaría de igualdade estanse a organizar dende o 19 de febreiro obradoiros de publicidade non sexista nos centros educativos, que buscan analizar o sexismo existente na publicidade e reflexionar sobre a cousificación do corpo da muller e os papeis masculinos e femininos baseados en estereotipos.

Para as máis lectoras ponse en marcha un taller de lectura arredor do libro Póker de D(r)amas, no que se recompilan os relatos gañadores dos Premios Matilde Bares. As mulleres que desexen participar deberán inscribirse nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres ou no enderezo electrónico cim@concellodebueu.gal, e entregaránselles libros para a lectura.

E tamén na Perfumería Castro presentarán o 4, 6 e 8 de marzo diversos talleres de autocoidado, que precisan de inscrición previa nos teléfonos 986323385 ou 606035713.

II Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu

O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 7 ao 10 de marzo as “II Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que se desenvolve por segundo ano consecutivo para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de quince locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría, e á que se lle renderá unha homenaxe.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.

Os locais hostaleiros que participarán este ano son Pyramis, Volver, Casa Quintela, O Ratiño, Noite Tapas, Morriña, O Farol, Esmorga, Centoleira, Casa Videira, Buena Vibra, Baiuca, Aturuxo, Zarzamora, Magic e A Cepa,  que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Toñi Vicente.