Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza este sábado o II Torneo de Tiro á Chave nas Lagoas

  • Os e as participantes xogarán a este deporte tradicional o sábado a partir das 16.00 horas na mazá urbana das Lagoas

  • As inscricións poden realizarse ata o mesmo día da proba, e vai haber trofeos para os tres primeiros clasificados

As Lagoas será o escenario elixido para a celebración o próximo sábado do II Torneo de Chave, organizado pola Asociación Tiro Chave do Morrazo coa colaboración do Concello de Bueu, Precisamente a representación do colectivo, Beatriz Dasilva, destacou na rolda de prensa que co evento se busca promocionar a práctica deste deporte en Bueu. Así mesmo, Manolo Otero, concelleiro de deportes, salientou que “a chave é un dos elementos identitarios máis importantes da nosa cultura e que fai que nos diferenciemos”.

A xornada desenvolverase entre as 16 e as 20 horas na mazá urbana das Lagoas, e terá a modalidade de xogo por parellas. Aínda que as inscricións están abertas ata o mesmo día (no teléfono 606500646), por agora xa hai anotadas máis vinte de parellas de Cangas, Moaña, Sanxenxo, Bembribe ou Redondela.

O torneo terá dúas modalidades: unha competitiva e outra amateur, esta última destinada a fomentar a disciplina entre as persoas que queiran coñecela, e por iso vai destinada a todos os públicos.

Ao remate, que está estipulado para as 20.00 horas, os e as participantes poderán degustar uns petiscos, e farase entrega dos trofeos para as tres primeiras parellas, así como para o mellor tirador e mellor debutante.

Desde fai uns anos, o goberno local de Bueu traballa nunha liña de promoción do deporte tradicional, e por iso xa se creou un campo fixo de chave na zona das Lagoas, e crearanse proximamente outros dous ao carón das antigas escolas unitarias de Sanamedio e Cabalo.