O Concello de Bueu organiza do 12 ao 18 de xullo a II Semana da Cultura Mariñeira

  • Xosé Leal, concelleiro de cultura, participou esta mañá na presentación do programa e salientou que “é importante que as administracións apoiemos o sector cultural e demostremos que a cultura é segura”
  • O Concello homenaxeará a Manuel Aldao e Manolo Purro, dous veciños vinculados ao mar, nun acto que se celebrará o 18 de xullo no Estaleiro da Banda do Río
  • O concerto de Heredeiros da Crus e a orquestra Marbella conforman o calendario musical desta semana adicada ao mar e organizada con motivo do Día do Carme

Co obxectivo de poñer en valor o mar e as súas xentes, o Concello de Bueu volve organizar por segundo ano consecutivo a II Semana da Cultura Mariñeira, que se celebrará entre o 12 e o 18 de xullo e que ofrecerá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, homenaxes, ou espectáculos de maxia, cunha clara vocación de chegar a todos os públicos e de que a cultura mariñeira, tan protagonista en Bueu, poida difundirse. Segundo salientou na presentación Xosé Leal, concelleiro de cultura, “o Concello volve tomar a renda da organización dos eventos vinculados á festividade do Carme que tan importante é para nós”, e tamén colaboran colectivos da vila como a Comisión Bueu en Festas. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, apuntou que “con este programa tentamos avanzar dende o presente tendo en conta o pasado para vernos no futuro como vila mariñeira”.

O programa desa semana leva inserido ademais unha serie de citas que se prolongan durante o verán como pode ser o programa ‘Bueu Espazo Convida 21’. Grazas a esta iniciativa, que se traslada á zona da Banda do Río, o barrio mariñeiro por excelencia, terán lugar o luns 12 de xullo a actuación do contador Quico Cadaval ás 21.30 horas, a obra teatral para familias ‘Saabor!’ collerá a testemuña o martes 13 de xullo ás 21:30 tamén no mesmo entorno da pista da Banda do Río, e o mércores 14 de xullo será a quenda do cinema coa proxección do filme Las niñas, de Pilar Palomero.

Máis específico é o programa Marearte 2021 que nace nesta edición para maridar arte e mar, cun primeiro obradoiro de Creación Mariña para a cativada conducido por Tino Resille que ata o 15 de xullo fomentará na rapazada de entre 7 e 14 anos o interese pola arte no entorno do Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo. Ademais, durante a fin de semana van dispoñer as súas creacións no Estaleiro da Banda do Río para que poidan ser visitadas pola xente. Dentro deste programa tamén se poñerá en marcha ‘Debuxadas’, o primeiro encontro de bosquexo urbano en Bueu que fará que as persoas que se inscriban realicen na mañá do venres 16 de xullo un percorrido dende Portomaior ata o porto de Beluso para debuxar o entorno costeiro de Bueu. Precisamente, o artista Josuha Xanbreu será o encargado de guiar este encontro de arte urbana que “abranguerá as tres parroquias e a súa costa”.

As celebracións máis festivas do Día do Carme van dar comezo cos oficios relixiosos na igrexa parroquial nos que colabora a Asociación Bueu en Festas cunha misa o venres 16 ás 12 horas, que estará amenizada pola Banda de Música Artística de Bueu.

Ás 22:00 horas, terá lugar a esperada verbena coa Orquestra Marbella nos Xardíns de Urbano Lugrís nas Lagoas, que contará con todas as medidas e controis ante a Covid-19 e que terá un primeiro pase ata as 23:45 horas no caso de que finalmente a Xunta levante as restricións aos espectáculos pirotécnicos. De ser o caso, ás 00:00 horas terá lugar o espectáculo pirotécnico desde a praia da Banda do Río, para despois rematar coa verbena ata ás 1:00 horas. Segundo avanzou esta mañá Víctor Antón, representante da orquestra, “será un espectáculo moi audiovisual e adaptado ás circunstancias, aínda que mantendo as nosas raíces”.

Ao día seguinte, 17 de xullo, ás 12 horas celebraranse os actos na honra das Dores co acompañamento do grupo tradicional Trébede. Ás 21:30 horas terá lugar un dos pratos fortes do programa, co concerto do grupo Heredeiros da Crus nas Lagoas, inserido no Musigal da Deputación de Pontevedra, un programa que, segundo a deputada Victoria Alonso, “busca apoiar os artistas profesionais e mostrar que a cultura ten futuro”. Sobre esta actuación, Patricia Hermida, representante do grupo, salientou que se vai presentar a ‘Xira Angústica’ que conterá moitas sorpresas. Precisamente durante o concerto, haberá unha mesa solidaria para recadar fondos por parte de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, na que se poderá adquirir diverso material e follas de soci@s, tal e como avanzou Rosa García, integrante do colectivo, esta mañá. As entradas, que serán de balde, poderanse reservar a través da web www.woutick.es a partir deste xoves ás 18.00 h.

Para pechar as actividades o 18 de xullo, tras a ruada de Manxadoira polo centro da vila, terá lugar na Banda do Río ás 11:30 horas a ‘Gala O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro’, un espectáculo homenaxe a estes dous veciños vinculados ao mar. O acto, que segue ao que se realizou o ano pasado na honra de Staffan Mörling, estará guiado por Xurxo Souto e contará coa música de Susana Seivane, grazas a un proxecto cofinanciado polo Galp Ría de Pontevedra que conlevará a edición de cadanseu catálogo fotográfico e vídeo adicados aos homenaxeados.

Ese mesmo día, o Mago Antón terá o seu camión para o espectáculo ‘A volta a Galicia en 313 concellos’ que fará a súa primeira parada de mañá no entorno do Pavillón de Beluso para dúas sesións ás 12 e ás 13 horas. Pola tarde ofrecerá pases no entorno do Centro Social do Mar en Bueu ás 17,18,19,20,21,22 horas cun aforo limitado e atendendo ás medidas Covid-19.