O Concello de Bueu organiza a entrega dos premios e dos vales do I Certame de Decoración ‘Bueu, sente o Nadal’
- O acto celebrarase este xoves ás 13 horas no salón de plenos da Casa Consistorial
- Ademais dos premios, todas as persoas e colectivos participantes recibirán vales para canxear no comercio local
O Concello de Bueu organizará este xoves, 25 de xaneiro, un acto polo I Certame de Decoración de Nadal. A el convidarase a todas as persoas e colectivos gañadores e os que participaron na primeira edición deste concurso co que se conseguiu animar a decoración da vila nunhas datas tan sinaladas como o Nadal. Carmen García, concelleira de cultura, salienta “a colaboración da cidadanía e dos colectivos comerciais e sociais, e a boa acollida neste primeiro ano do certame”.
O acto, que se celebrará ás 13 horas no salón de plenos da Casa do Concello, servirá para entregar os premios aos gañadores e gañadoras e tamén os vales de compra a todas as persoas e colectivos participantes para a compra nos establecementos do Comercio do Morrazo, contribuíndo deste xeito á dinamización do comercio local.
Ao certame concorreron preto dunha trintena de propostas de decoración, e outorgáronse varios premios divididos en tres categorías, entre as que se repartiron 1.500 euros, tal e como se anunciou xa a comezos de ano. Na categoría individual o 1º premio foi para Juan Carlos Rey Padín, quen se fai con 200 €, o 2º para Miguel Ángel Fernández Jul, e 100 €, e o 3º para Gonzalo Sampedro Paz e 50 €. Mentres, na categoría colectiva, na que se inclúen asociacións e comunidades veciñais, o 1º premio, dotado con 300 €, foi para a Asociación Cultural Novos Ventos, o 2º de 200 €, para o Edificio Graña, da rúa Castelao 8, e o 3º, de 100 €, para a Anpa Torre Cela. Por último, na categoría de escaparates comerciais e hostalaría, o 1º premio, cunha contía de 300 €, foi para Carma Bueu, o 2º, de 150 €, para Oxford Boutique e o 3º, de 100 €, para Óptica Bueu.