Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu mellorará o acceso ás praias de Agrelo e Portomaior

  • A actuación farase con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia, que achegará 35.445,98 €
  • Segundo o proxecto, vanse instalar un total de 56 luminarias LED que permitirán o aforro económico e enerxético

O Concello de Bueu realizará unha mellora ambiental no acceso aos areais de Agrelo e Portomaior, con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia cuxa concesión de adxudicación foi comunicada esta semana, cun importe de 35.445,98 €, que representa unha porcentaxe dun 60% dun total de 59.076,63 €.

Segundo consta no proxecto técnico, actualmente o alumeado público atópase en moi mal estado, con innumerables deficiencias e carencias. Por iso, se optará por instalar equipos máis modernos, coa incorporación de 56 luminarias LED, de menor consumo e maior rendemento, tal e como xa se leva facendo en todo o termo municipal.  Concretamente, 30 luminarias colocaranse no Paseo José Solla e nos accesos á praia desde a PO-551 que une Marín con Bueu, 14 no vial que vai da praia ao forno de panadería, e 12 no vial de subida ao serradoiro.

Co dobre obxectivo de aforro económico e enerxético e un menor impacto no medio ambiente e natural, as accións irán encamiñadas á mellora do rendemento lumínico das beirarrúas e viais provinciais, a supresión das farolas obsoletas e a uniformidade nos elementos de iluminación, eliminación de elementos deteriorados (báculos, columnas, balizas, bolardos…) que supoñen un foco de sucidade e perigo, mellora da accesibilidade para os usuarios/as, mellora ambiental coa supresión do tendido aéreo da instalación de alumeado público en toda a zona da praia, e colocación de elementos máis esveltos e con menor ocupación do espazo.

O Concello procederá agora a aceptar a subvención autonómica, e procederá a continuación á licitación do proxecto que deberá estar executado e xustificado antes do 30 de setembro.