Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu mellora os equipamentos comunitarios do rural e os parques

  • As dúas actuacións realízanse con cargo ao Plan Concellos 2017 e supoñen avanzar cara un modelo de mellora da calidade de vida e benestar social

O Concello de Bueu continúa coa ampliación dos equipamentos comunitarios e os parques dos diversos lugares do rural, cuxo obxectivo é conseguir un modelo con maior calidade de vida e benestar social. Así o salientou o alcalde, Félix Juncal, durante a visita realizada esta luns, na compañía da concelleira de turismo Silvia Carballo e do edil de obras e servizos Fidel Castro, ao parque infantil que se renovou no Paseo de María Eugenia, moi próximo á praia da Banda do Río.

No mesmo proxecto, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, tamén se inclúe a renovación dos parques biosaudables de Pescadoira e de Agrelo- Portomaior, que quedarán listos esta semana, e tamén o infantil de Meiro. Así mesmo, crearanse áreas infantís nas antigas escolas unitarias de Cabalo e Sanamedio, parque biosaudable en Ramal dos Galos, e incluiranse módulos no skate park das Lagoas. Segundo destaca Juncal, o parque situado na Praza do Concello renovarase unha vez que remate a tempada estival, dado que actualmente hai unha grande afluencia de persoas que o utilizan e porque se realizaron labores de mantemento o pasado ano.

Ao mesmo tempo, tamén con cargo ao Plan Concellos da Deputación, o Concello está repartindo polos locais das parroquias e lugares bueueses diverso mobiliario e equipamento. Esta proposta naceu cun duplo obxectivo: recoñecer toda a actividade cultural que se leva a cabo nestes centros, e incrementar a labor social nos mesmos.

O Centro Sociocultural de Cela é un dos lugares que se dotou con diverso equipamento

Amais de continuar coa mellora dos servizos básicos como a ampliación de saneamento, abastecemento e pavimentación, que se veñen realizando continuamente, o obxectivo do goberno local é dotar de máis infraestruturas e oportunidades ás persoas de todos os lugares do municipio. En concreto, repartíronse cadeiras de diversas características, mesas polivalentes e pregables rectangulares, armarios con portas baixas e mobles vitrina. O proxecto tamén contou con diversos aparatos electrónicos, así como dous xogos tradicionais de chave e catro xogos de petanca (que se instalarán unha vez que se coloquen os parques infantís en….), catorce espellos icoloros, seis antenas de televisión, seis televisores, cinco encerados laminados móbiles e un interactivo con rodas, un soporte móbil para encerado dixital e un proxector de curta distancia.