O Concello de Bueu manterá os cortes ao tráfico rodado na Banda do Río
- O alcalde e a concelleira de promoción económica e turismo mantiveron este mércores unha reunión co sector hostaleiro para informar dos últimos escritos recibidos por parte de Portos de Galicia
- O grupo de goberno, conformado por BNG e ACB, mostra a súa incredulidade ante a comunicación do ente autonómico e “a falta de lealdade institucional, pois considerabamos que tiñamos autorización despois de 30 anos destes cortes”
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantiveron este mércores unha reunión coa directiva da Asociación de Hostalaría e representantes do sector no barrio da Banda do Río. O motivo desta xuntanza, convocada pola alcaldía, era informar sobre as recentes comunicacións recibidas por parte de Portos de Galicia en relación cos cortes ao tráfico rodado na zona da Banda do Río durante os seráns.
O goberno local, conformado polos grupos do BNG e ACB, mostra a súa incredulidade ante o que consideran “unha falta de lealdade institucional de Portos, tanto no fondo como nas formas”. Isto partiu dun primeiro escrito remitido por Portos de Galicia ao Concello o pasado 5 de xullo, no que se instaba a cesar no corte desta rúa ata que se tramite a pertinente autorización. Como resposta a esa comunicación, a alcaldía remitiu ao día seguinte un novo escrito no que se explicitaba que “esta situación ten a súa orixe a comezos dos anos 90, repetíndose cada ano, para o que contamos coa autorización de Portos de Galicia. Ademais, este corte ten como finalidade crear un espazo de convivencia con máis seguridade nunha zona na que conflúen varios servizos turísticos, e que permite ademais que os establecementos de hostalaría poidan ampliar as súas terrazas, conseguindo un incremento do espazo de relación social”. O alcalde apuntaba nese mesmo escrito que “en todos estes anos, por parte do ente público Portos de Galicia tense procedido á liquidación das correspondentes taxas administrativas por ocupación do dominio público”. O 11 de xullo Portos remitía nova contestación na que indicaba que “non consta ningunha autorización para abordar o corte da día rúa na súa parte de zona portuaria, nin para a ocupación desta para a ampliación por terrazas de hostalaría, agás as autorizacións expresas e delimitadas a unha superficie determinada a aqueles establecementos de hostalaría que así o solicitan. Xa que logo, esta autoridade portuaria no procedeu a liquidar ningunha taxa derivada de autorizacións de ocupación do vieiro por “ampliación” de terrazas non autorizadas e instaladas con motivo do corte do referido vieiro”.
Tras a recepción destes escritos, o alcalde mantivo unha reunión co sector e despois unha conversa coa Presidenta de Portos de Galicia, á que comunicou o interese do Concello en tramitar a correspondente autorización, pero mantendo os cortes da rúa, xa que o caso contrario suporía un agravio para o sector en plena tempada estival. Juncal apunta que “aínda estando de acordo co fondo, o Concello sempre entendeu que contaba coa autorización de Portos, o que vén a demostrar, unha vez máis, a necesidade de que certos espazos se desafecten por non estar vinculados a usos portuarios e que Concello sexa o que asuma a súa plena xestión”. Esta petición, que o Concello leva anos reclamando, susténtase en que a entidade municipal teña que facer fronte anualmente aos custes de mantemento de servizos e subministros dos espazos portuarios, como aconteceu recentemente co cambio de luminarias, reposición de bancos ou o coidado dos Xardíns de María Eugenia.