Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu mantivo un novo encontro veciñal en Sanamedio

Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, e varios concelleiros do goberno mantiveron este mércores un novo encontro veciñal, neste caso no lugar de Sanamedio, na parroquia de Beluso. Juncal trasladou algunhas das propostas nas que está traballando o goberno e que se acometerán no futuro inmediato na zona, como a mellora da pavimentación de diversos viais, o acondicionamento do entorno para as festas do próximo mes e as diversas alternativas que se barallan para a colocación dunha marquesiña que xa fora demandada hai varios anos pola veciñanza do lugar. Precisamente, este proxecto, e tal e como explicou o alcalde, require de autorizacións previas de patrimonio ao ser un lugar próximo á capela de San Cosme. Esta marquesiña vaise inserir no marco dun proxecto máis amplo no que o Concello prevé a instalación deste mobiliario en lugares como A Graña- Trasouto, O Beloso ou no casco urbano, que se sumarían as que se atopan nas inmediacións do pavillón e dos institutos.

Outro dos obxectivos da reunión era escoitar de primeira man as peticións e preocupacións da cidadanía. Precisamente, este encontro insírese no plan de xuntanzas que o alcalde e o grupo de goberno están mantendo polas diversas parroquias e lugares da vila, co fin de presentar liñas de actuación e proxectos a levar a cabo. Polo de agora houbo reunións nos lugares de Meiro, Sar (Beluso), Gándara (Cela), Valado ou Cabalo, e este xoves está prevista outra coa veciñanza da Graña.