Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu lembrou ao pintor José Solla, ‘unha persoa humilde e sinxela’

  • O acto celebrouse o pasado domingo no Centro Social do Mar coa presenza de autoridades locais e provinciais, a familia e veciños e veciñas que quixeron agradecer o labor deste artista xusto cando cumpriría 94 anos
  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou a personalidade de Solla “que era para min un amigo, unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba”

O Concello de Bueu rendeu homenaxe o pasado domingo, 31 de outubro, a un dos grandes da vila, o pintor José Solla, falecido en setembro en Mar de Plata e cunha estreita vinculación ao pobo morracense. No Centro Social do Mar de Bueu congregáronse o alcalde e concelleiros e concelleiras da corporación local, a deputada de cultura, membros da familia do pintor e outras persoas amigas que quixeron lembrar ao José Solla máis humilde e agradecido. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “Solla era para min un amigo, unha persoa sinxela, humilde e xenerosa que nunca abandonou a ilusión polo que lle gustaba”. O rexedor transmitiu a súa emoción no acto no que agradeceu “a aprendizaxe que supuxo coñecer a Solla e esa categoría que tiña como ser humano”.

Coa música da Banda de Gaitas Manxadoira e a proxección do documental ‘Horizontes, dirixido pola artista local Alba Sotelo co financiamento da Deputación de Pontevedra, o acto centrouse na lembranza a esa parte máis humana do artista nun día ateigado de simbolismo ao coincidir co aniversario de Solla cando cumpriría 94 anos. Precisamente, a súa sobriña Dolores Solla, que tamén participou na homenaxe, aludiu aos “momentos marabillosos e fermosos que vivín co meu tío dende que era adolescente”, pois “el sempre transmitía paixón e emoción, e vivía con forza as pequenas cousas da vida e os proxectos máis importantes”.

Victoria Alonso, deputada de cultura, fixo fincapé en que “somos as nosas tradicións, os nosos antepasados, o noso patrimonio material e inmaterial, e por iso é importante poñer en valor aos persoeiros relevantes da nosa historia, como José Solla”.

Xosé Leal, concelleiro de cultura, apuntou que “Solla sempre levaba o nome de Bueu polo mundo, tanto no seu corazón como a través da súa pintura”. Precisamente, esa pegada materializouse no paseo de Agrelo – Portomaior, que o Concello de Bueu bautizou co seu nome no 2013, e escultura ‘Inés Pamira’ que loce na Praza Massó e que foi elaborada da man da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra baseándose nos debuxos doados polo artista no 2015. Esta obra contén 500 gravados con mosaicos nos que se representan as xentes e a vida no Morrazo, e que tamén é un agradecemento ao pobo que o acolleu. Debido ao simbolismo, o acto culminou cunha ofrenda floral xunto a este monumento.

José Solla elixiu pasar a súa vida entre o municipio de Bueu e Mar da Plata, en Arxentina. Precisamente no país arxentino fundou a Galería de Arte Solla, e en Galiza realizou continuas exposicións e intervencións urbanas, sendo unha das últimas a inauguración da exposición ‘Coplas de cego’ da Deputación de Pontevedra.