O Concello de Bueu izou este venres as Bandeiras Azuis nas praias

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, participarou no acto simbólico de izado de Bandeiras Azuis que tivo lugar este venres ao mediodía no areal de Portomaior, e no que tamén estiveron os concelleiros Alberto Moital e Ricardo Verde. O municipio bueués mantén para este verán as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, das que ADEAC valorou a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.

A concelleira de promoción económica e a brigada de obras e servizos estiveron traballando nas semanas previas co fin de poñer a punto todos os servizos previos ao izado das bandeiras: duchas, baños e papeleiras. Ademais arranxáronse as casetas de socorrismo, e nas próximas semanas substituiranse as pasarelas de madeira que se atopan en mal estado. E ao igual ca o ano pasado, aplicaranse todos os criterios e recomendacións establecidos pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en relación coa prevención da Covid-19 nas praias de Galicia, que teñen que ver sobre todo co incremento das frecuencias de desinfección dos baños e vestiarios. Carballo apela á responsabilidade cidadá para que se cumpran todas as medidas estipuladas e as praias estean nas mellores condicións posibles.