Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu iza por primeira vez a bandeira azul no Estaleiro de Purro e anuncia o programa de rutas ‘Coñece Bueu’

  • O alcalde e a concelleira de promoción económica e turismo salientaron na rolda de prensa que “a consecución deste distintivo demostra a aposta decidida do goberno local polo patrimonio mariñeiro e ambiental nos últimos anos”
  • O Estaleiro, englobado na zona da Banda do Río, recibe por primeira vez o galardón azul, o que supón un gran fito para o consistorio, logo de que a praia deste lugar tamén conte co distintivo de ADEAC
  • As rutas desenvolveranse todos os venres ata setembro e buscarán dar a coñecer o patrimonio histórico e mariñeiro da vila

O Estaleiro de Purro, na Banda do Río, acolleu este xoves o acto simbólico de izado do distintivo azul da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) que consegue este ano por primeira vez e que vén a refrendar todo o traballo realizado ao longo dos últimos anos para a recuperación do patrimonio histórico, cultural e mariñeiro da vila bueuesa. Con este motivo celebrouse unha rolda de prensa no Estaleiro e na que participaron Félix Juncal, alcalde da vila, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e outros edís municipais, e tamén se presentou a programación de rutas guiadas patrimoniais para este verán por parte de Miriam Souto, de Aguias Vigo.

Félix Juncal salientou que “o distintivo que conseguimos para esta carpintería de ribeira é unha recompensa a todo o traballo de recuperación do patrimonio desta vila, así como de rescatar do esquecemento unha parte da nosa historia e identidade, certificando tamén o traballo de moitos anos”. Nesa  mesma liña interveu Silvia Carballo, quen destacou que “é unha aposta decidida polo barrio mariñeiro da Banda do Río, epicentro no que conflúen un sendeiro azul (do Litoral), unha praia azul (Banda do Río) e agora un centro azul (Estaleiro de Purro)”.

Aproveitando este acto, tamén se deu a coñecer o programa “Coñece Bueu”, no que se programarán unha serie de rutas patrimoniais e de posta en valor da historia mariñeira, co obxectivo “de difundir a nosa historia tanto á cidadanía local como ás persoas visitantes que se acheguen a Bueu”, remarcou Carballo. Estas rutas insírense no marco do proxecto “Ardora” que o Concello de Bueu presentou ás axudas do GALP que non se resolveu aínda pero que se decidiu comezar con motivo do verán.

O programa comezará o próximo 14 de xullo, e iranse alternando diversas rutas temáticas, que se desenvolverán todos os venres ata a primeira quincena de setembro a partir das 10 horas. A primeira delas leva por título “Bueu sabor e mar”, e continúa as xa comezadas no verán do 2021 e que contaron nestes anos cunha gran acollida por parte das persoas participantes. Nela faise un percorrido pola contorna urbana e polos espazos que constrúen o pasado e o presente da pesca en Bueu, rematando coa degustación dun petisco na Praza de Abastos elaborado por unha cociñeira local con produtos mariñeiros da mesma praza.

A seguinte das rutas é “O mar: fonte de alimento e de traballo”, e irá dende a zona de Pescadoira ata o Centro de Interpretación do Litoral en Agrelo. E a última, “Carpintería de ribeira: o patrimonio cultural” buscará contar a historia do Estaleiro de Purro.

Para participar en todas estas rutas precísase inscrición previa na Oficina de Turismo de Bueu, no enderezo electrónico turismo@concellodebueu.gal, ou no teléfono 986390029 (ext.5). As prazas están limitadas a un máximo de 15 persoas por cada día, e serán de balde.

Dende a concellaría de turismo agárdase que esta iniciativa teña éxito e que as persoas se acheguen a coñecer a historia da vila. Ademais, avanzan que o programa continuará máis alá de setembro xa que é unha aposta polo coñecemento da identidade e da cultura mariñeiras bueuesas. Así mesmo, nos próximos días anunciarase a programación de actividades medioambientais vinculadas á Aula da Natureza de Cabo Udra, espazo que, xunto ao Centro de Interpretación de Agrelo, tamén conta co distintivo azul.